Pasar al contenido principal
STG

Nove de cada dez titulados no Máster en Enxeñaría Matemática recomendan o posgrao

O 30% do alumnado estudou a carreira nunha Universidade de fóra de Galicia (Foto:SERVIMAV-USC)
O 30% do alumnado estudou a carreira nunha Universidade de fóra de Galicia (Foto:SERVIMAV-USC)
Os egresados destacan o alto grao de correlación entre a súa actividade laboral e a preparación académica no Máster

O 92,5 por cento das sete promocións que dende 2006 cursaron o Máster en Enxeñaría Matemática –c oordinado pola USC en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo– recomenda a súa realización. Este importante índice de satisfacción correspóndese co tamén alto grao de correlación entre a súa actividade laboral e a súa preparación académica no posgrao.

Os datos presentounos este xoves a profesora Elena Vázquez Cendón, coordinadora do Máster na USC xunto con José Durany (UVigo) e Carlos Vázquez (UDC), no acto de clausura no que se fixo balance das súas sete promocións. Da enquisa de satisfacción e empregabilidade extráese ademais que dos ata agora 111 titulados e tituladas, dos que o 30% estudou a carreira nunha Universidade de fóra de Galicia, traballa o 80%, na súa maioría, e a partes iguais, na Universidade e na empresa. Dende o curso académico 2013/2014 o Máster en Enxeñaría Matemática dá lugar ao Máster en Matemática industrial, tamén coordinado pola USC no que participan igualmente a UDC e a UVigo e ao que se suman agora as Universidades Carlos III e Politécnica de Madrid. Clausura Na cerimonia de clausura, que se retransmitiu dende a Facultade de Matemáticas por videoconferencia, participaron, entre outros, o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López López; a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado da UVigo, Ana María Graña Rodríguez; e o vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías da UDC, Julio Abalde Alonso.

O acto contou ademais coas intervencións dos egresados do máster Marta Pou Bueno, Researcher in Quantitative Finance in Technical University of Delft, e Raúl Trabazo Sobrino, do Centro Tecnológico AIMEN, e dos representantes das máis de sesenta empresas e centros tecnolóxicos que colaboraron, María Rodríguez Nogueiras, do Banco Santander, e Antonio Álvarez Alonso, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo. A eles seguíronlles a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, Edita De Lorenzo Rodríguez, o decano da Facultade de Informática da UDC, Luis María Hervella Nieto, e a vicedecana da Facultade de Matemáticas da USC, Rosa Crujeiras.

A xornada retransmitiuse por videoconferencia (Foto:SERVIMAV-USC)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.07.2014.