Pasar al contenido principal
STG

A Facultade de Humanidades celebra este mércores a xornada ‘Innovando no eido profesional da cultura’

O coordinador do proxecto ‘Muralla Digital’ abrirá o foro, no que intervirá Chiara Cabrera, de La Casa Encendida, e que rematará cun obradoiro sobre a ‘cultura snack’

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo organizará este mércores, 20 de febreiro, a través da súa Aula Profesional de Cultura, unha xornada en xestión e mediación cultural que se desenvolverá de 10.00 a 18.30 horas, baixo o título ‘Innovando no eido profesional da cultura’.

A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, será a encargada de inaugurar este foro, no marco do que distintos profesionais achegarán a súa visión e tamén as súas respectivas experiencias en eidos diferenciados como o son a innovación no patrimonio, na difusión e na empresa. O arqueólogo do Concello de Lugo e coordinador técnico do proxecto ‘Muralla Digital’ abrirá a quenda de relatorios coa charla ‘Aplicación das TIC á posta en valor do patrimonio cultural e histórico’. De seguido o arqueólogo Roberto Bartolomé Abraira disertará sobre a arqueoloxía profesional ao servizo da difusión cultural. Chiara Cabrera, de La Casa Encendida, abrirá a sección centrada na innovación na difusión coa charla ‘Comunicar con arte’. Asemade Sergio Aller Estévez, de Ancaria SL, afondará no tema da difusión cultural nunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Comunicación e xestión cultural no ámbito institucional e empresarial’. María Otilia Maceira Rodríguez e Duarte Basoa Anca, de A Ventureira Ocio Cultural, relatarán neste foro a experiencia do seu proxecto, que serve como exemplo da xestión dos recursos culturais na comarca do Eume. Das experiencias de mediación cultural mediante a provocación de emocións falará Merce Carballo González, de Crearte Servizos Culturais. A segunda edición desta xornada en xestión e mediación cultural promovida pola Facultade de Humanidades do campus de Lugo, que se desenvolverá no salón de actos do centro en quenda de mañá e tarde, de 10.00 a 18.30 horas, rematará co obradoiro ‘Os andares da civilización: vivimos na cultura snack?’, protagonizado polos alumnos da Facultade de Humanidades e durante o que se proxectará un documental. Antes desta sesión de carácter máis práctico, Xosé Manuel Blanco, de Nalgures Producións, ofrecerá a charla ‘Industria cultural e ocio. Ámbito analóxico e dixital’. A difusión do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, unha titulación de nova implantación do Sistema Universitario Galego que se imparte exclusivamente no campus de Lugo, é un principais obxectivos que pretende a Facultade de Humanidades de Lugo coa celebración deste foro profesional sobre innovacións no eido profesional da cultura. A presentación dos distintos itinerarios profesionais que se lle presentan aos alumnos do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultura, do que sairá a primeira promoción de titulados ao remate deste curso académico, é outra das premisas da II Xornada en Mediación e Xestión Cultural. Esta sesión práctica organizada pola Aula Profesional de Cultura da Facultade de Humanidades do campus de Lugo está aberta á participación de todos os públicos, desde alumnos de ensino secundario e Bacharelato ata alumnos universitarios, mestres, profesores e demais profesionais vinculados dalgún xeito co mundo cultural. A inscrición nesta xornada é de balde e todos os interesados poderán formalizar a súa pertinente matrícula a través do correo electrónico fhdeca [at] usc.es (fhdeca[at]usc[dot]es) ata o 19 de febreiro. Todos os asistentes recibirán un diploma acreditativo de ter participado nesta xornada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.02.2013.