O catedrático de Psicopatoloxía de Oviedo Serafín Lemos interveu na festividade do patrón de Psicoloxía

A Facultade de Psicoloxía conmemorou este venres a festividade do seu patrón Juan Huarte de San Juan cun acto académico que presidiu o reitor Juan Casares no Salón de Actos do centro. Nel, todas as persoas asistentes tiveron a ocasión de escoitar ao catedrático de Psicopatoloxía da Universidade de Oviedo Serafín Lemos Giráldez, que disertou nunha conferencia sobre prevención e intervención psicolóxica na psicose. O seu relatorio introduciuno Dámaso Rodríguez Fernández, vicedecano da Facultade. A quenda de intervencións inaugurouna a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada, a quen lle seguiu a decana da Facultade compostelá, Carolina Tinajero. O acto continuou coa entrega de insignias aos premios extraordinarios de licenciatura e másteres de man da secretaria do centro, Paula Villar Torres, e rematou coa presentación de pósteres e artigos dos equipos de investigación da Facultade por parte do vicedecano Mauro Rodríguez. Serafín Lemos nun momento da súa conferencia