Pasar al contenido principal
STG

Portas abertas na Unidade de Atención Temperá da USC para axudar a tratar a nenos e nenas con problemas de conduta

Realizarán diagnósticos gratuítos de menores e intervencións familiares para pais e nais con estres

Entre o 18 e o 28 de febreiro a Unidade de Atención temperá da USC abre as súas portas na Facultade de Psicoloxía para realizar diagnósticos gratuítos e intervencións familiares para pais e nais estresados. As persoas interesadas poden inscribirse dende o luns 4. As xornadas pretenden axudar a detectar e tratar casos de nenos e nenas con problemas de conduta (agresividade, celos, rabechas, nerviosismo, irritabilidade...) que, en moitos casos, están motivados polas adversidades ás que se enfrontan as familias no actual contexto de crise. Conscientes de que medrar en contextos como o actual aumenta o risco de problemas de conduta nos máis pequenos, dende o equipo interdisciplinar da Unidade de Atención Temperá que dirixe a profesora María José Buceta realizarán avaliacións gratuítas a menores de seis anos que desobedecen de forma habitual, gritan e se enfadan con frecuencia e que, incluso, experimentan brotes de agresividade cando se lles leva a contraria. Pais e nais tamén recibirán un asesoramento, xa que se lles ofrecerá axuda para poñer límites coa intención de evitar que un problema de conduta infantil evolucione ata trastornos máis graves. As actividades realizaranse nas instalacións da Unidade de Atención Temperá, que conta con varias salas de terapia de xogo, de investigación, de estimulación precoz e de atención psicopedagóxica. A inscrición realizarase no enderezo electrónico mjosecarmen.buceta [at] usc.es (mjosecarmen[dot]buceta[at]usc[dot]es) ou no teléfono 697 137 343.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.02.2013.