Pasar al contenido principal
STG

Tres profesores da USC analizan aspectos descoñecidos da vida e da obra de Valle-Inclán

Javier Serrano, Rosario Mascato e Amparo de Juan presentan este venres na Galería Sargadelos de Santiago as novas monografías sobre o xenial autor galego

Os profesores da Facultade de Humanidades do campus de Lugo Javier Serrano Alonso, Rosario Mascato Rey e Amparo de Juan Bolufer, que forman parte do grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela que estuda a obra de Ramón María Valle-Inclán, recollen e analizan en tres novos libros publicados pola editorial Axac de Lugo descoñecidos aspectos da vida e da obra deste xenial autor galego. O resultado da investigación levada a cabo por estes tres profesores do campus de Lugo da USC, que contou con financiamento público a través do programa de Consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Consellería de Cultura, queda agora recollido en tres novas obras monográficas sobre Valle-Inclán, cuxos autores presentarán este venres día 8 de marzo, a partir das 19.00 horas, na galería Sargadelos de Santiago, no transcurso dun acto aberto ao público no que, ademais dos autores, tamén estarán presentes o director da editorial AXAC e tamén profesor da USC, Alexandre Veiga, e a directora da Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas. Javier Serrano Alonso, do departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística en Xeral da USC, contextualiza e edita en Valle-Inclán: epistolario recuperado interesantes cartas inéditas do escritos que revelan aspectos ata o momento descoñecidos da súa biografía, como é o caso da súa particular relación cos tradutores. A tamén profesora de Literatura Española da USC na Facultade de Humanidades de Lugo rescata en La voz pública de Valle-Inclán: documentos algúns elementos biográficos e bibliográficos pouco coñecidos do autor galego, tales como o son algunhas das entrevistas publicadas ou cartas abertas de firma conxunta, ben escritas polo propio Valle-Inclán ou nas que tivo unha participación significada. O compendio desta documentación esquecida das páxinas da prensa da época sobre a intensa actividade pública do escritor proporcionan unha imaxe renovada do compromiso que como intelectual tiña Valle-Inclán coa sociedade do seu tempo. A estreita relación que mantiña Ramón María del Valle-Inclán coa cultura portuguesa son obxecto de estudo de Rosario Mascato Rey, investigadora da Cátedra de Valle-Inclán da USC, na obra Valle-Inclán lusófilo: documentos (1900-1936). Nesta publicación, a autora fai unha minuciosa análise da propia biblioteca persoal do autor e tamén estuda as relacións e os contactos que mantivo o autor cos intelectuais e cos periódicos portugueses.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.03.2013.