Relacións Laborais celebra o martes unhas xornadas sobre as últimas mudas laborais e de Seguridade Social
A escola universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo celebrará o vindeiro martes, día 7 de maio, unha xornada sobre as últimas mudas laborais e de seguridade social, un foro no que distintos poñentes analizarán as últimas modificacións en materia de xubilación na Seguridade Social, así como os cambios introducidos pola reforma laboral un ano despois da súa entrada en vigor.
Os maxistrados da sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Emilio Fernández de Mata e Luís de Castro de Mejuto abrirán o martes, a partir das 9.35 horas, a quenda de relatorios deste foro cunha intervención na que abordarán os despedimentos colectivos e os despedimentos por causas obxectivas e no sector público. Un relatorio sobre a visión dos distintos axentes sociais galegos respecto das últimas reformas aprobadas e no que intervirán representantes da Confederación Empresarial Galega, así como das formacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, dará continuidade a esta xornada monográfica, que rematará coa intervención do director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en Lugo, Antonio Nores Quesada, e do director territorial para Galicia da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Estes dous relatores abordarán na súa intervención as últimas modificacións normativas en materia de xubilación na Seguridade Social.
Estas xornadas sobre as últimas mudas laborais e de Seguridade Social están organizadas polo Consello Galego de Relacións Laborais en colaboración coa escola universitaria de Relacións Laborais e o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo. A inscrición é gratuíta e as persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula ata o día 6 de maio a través no número de teléfono 982.28.58.60 ou no enderezo de correo electrónico mercedes.montes [at] usc.es (mercedes[dot]montes[at]usc[dot]es), así como nas sedes das outras dúas entidades organizadoras.