Pasar al contenido principal
STG

O simposio ‘Transcendencia académica e social de Antonio Casares’ bota o peche ao ciclo de actividades conmemorativas do 200 aniversario do seu nacemento

O simposio ‘Transcendencia académica e social de Antonio Casares’ porá fin este luns 29 ao programa de actividades científicas coas que a USC conmemorou estes últimos meses o 200 aniversario do nacemento do pai da Química en Galicia. O reitor Juan Casares pronunciará a conferencia inaugural no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 9.00 horas, titulada ‘De reitor a reitor: Antonio Casares visto por Juan Casares’. Seguiralle a historiadora da USC María Luisa Losada cun relatorio sobre a vida académica e social de Antonio Casares. ‘Casares e a experimentalidade’ é a mesa redonda que continuará a xornada a partir das 11.00 horas. Moderada pola decana da Facultade de Farmacia, Isabel Sández, intervirán o profesor Manuel Bermejo para analizar a introdución da experimentalidade na USC; Rafael Sixto, referíndose ás contribucións do homenaxeado á química; e Andrés Díaz Pazos, ás achegas á Física. A partir das 13.00 horas, Domingo González Lopo intervirá coa conferencia ‘Da universidade clerical á unidade laica’ que completará a sesión da mañá. Pola tarde, ás 16.30 horas, comezará a mesa redonda ‘Antonio Casares na literatura’, que moderará a decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero Espinar. Intervirán José M. González Herrán, Xoán Casas Rigall, Manuel Bermejo e Montserrat Ribao, que darán paso a unha segunda mesa sobre ‘Antonio Casares e a Instrución’ para repasar aspectos docentes do homenaxeado, a peregrinación moderna ou a instrución pública da muller na época de Casares. Nela intervirán Ramón Cid, Francisco Durán e Francisco Singul, moderados por Manuel Bermejo. Na conferencia de clausura, prevista para as 20.00 horas, o profesor Francisco Díaz Fierros disertará sobre ‘Antonio Casares e o estudio das augas minerais galegas’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.04.2013.