Pasar al contenido principal
STG

Sotérranse no xardín de Fonseca as dúas cápsulas dixitais do tempo

O xardín do Colexio de Fonseca converterase este sábado 27 nun improvisado cemiterio no que ‘ durmirán’ dúas cápsulas dixitais do tempo. A Universidade de Santiago colabora co curioso proxecto Once Uns, unha iniciativa de Sentinel Wardrobe coa que quedará custodiada ata 2047 unha das cápsulas, mentres que en tres anos se descubrirá o ‘tesouro’ infantil. O soterramento terá lugar este sábado 27 ás 11.30 horas nos xardíns (entrada polo lateral de Correos) nun acto público ao que asiste o reitor Juan Casares Long ademais dos promotores da idea, Jorge del Oro, Fátima García Doval e Iñaki Quenerapú. Ao contrario que as tradicionais cápsulas do tempo, as dixitais non conteñen obxectos senón só información en formato dixital almacenada nos dispositivos existentes no momento. As que se soterrarán na USC, achegadas por toda a cidadanía, conterán información dixital de calquera tipo, sen restricións de contido pero si de soporte (só lapis de memoria ou tarxetas SD). Levantamentos O levantamento da cápsula infantil será o sábado 30 de abril de 2016, mentres que o contido da ‘adulta’ se coñecerá o 27 de Abril de 2047. Por que 2047? Porque ese ano correspóndese en notación binaria (pola que se rexe a informática) con once veces 11, unha curiosa casualidade que non se volverá a producir ata dentro de miles de anos. Segundo explicaron responsables da Universidade, o emprazamento das cápsulas decidiuse pola idoneidade do espazo, que fora ata os anos 70 un horto experimental da Facultade de Farmacia e que non presenta ningún impedimento de tipo arqueolóxico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.04.2013.