Casares reivindica as Humanidades para “conquistar un futuro mellor” na apertura do foro ‘As cidades do poder en Hispania’

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, reivindica o interese e o valor das Humanidades e do coñecemento da historia en aras a “conquistar un futuro mellor”. Casares realizou estas declaracións na inauguración do coloquio internacional ‘As cidades do do poder en Hispania’, un foro de debate e análise das 14 cidades escollidas ou fundadas para representar o poder do imperio romano en España que reúne desde hoxe ata o venres na Facultade de Humanidades do campus de Lugo a 24 historiadores e investigadores pertencentes a distintas universidades de cinco países.
A designación de Lugo, a única cidade romana de Galicia, como escenario deste congreso, e incluso a elección das datas da súa celebración, poucos días despois da inauguración da rehabilitada ponte romana e da apertura ao público do Museo do Templo de Mitra, propiciaron os parabéns do reitor aos coordinadores deste coloquio internacional, os profesores de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela, María Dolores Dopico e Manuel Villanueva, e o catedrático da Universidade do País Vasco, Juan Santos Yanguas. A posibilidade de visitar e coñecer estes vestixios romanos contribúe ao coñecemento do pasado e da historia de Lugo, “unha cidade imprescindible para a Universidade”, dixo Casares, ao tempo que reiterou o seu agradecemento á colaboración recibida do Concello e da Deputación Provincial de Lugo. O reitor salientou que a celebración deste tipo de seminarios de transferencia de coñecemento proban a solidariedade e o fondo compromiso social da USC, que, do mesmo xeito que o resto das universidades públicas, pode presumir de ser un dos vectores de cohesión social máis importantes e de contribuír a mellorar a calidade de vida da sociedade española. O interese dos temas de debate e estudo e a calidade dos relatores convidados, “o mellores neste campo do saber”, segundo indicou o deputado provincial delegado das áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, tamén foron dous dos aspectos valorados polo alcalde de Lugo, José López Orozco, que aproveitou a súa presenza no campus para manifestar o seu rexeitamento aos recortes das achegas orzamentarias para a I+D+i. “Estamos a cometer un erro que pagaremos máis pronto que tarde, porque sen a Universidade non poderemos saír da crise”, dixo López Orozco. A profesora de Historia Antiga da USC na Facultade de Humanidades, María Dolores Dopico, sinalou que o obxectivo deste foro, que é froito da colaboración de distintas entidades e institucións, é o de afondar no estudo das 14 cidades escollidas polo Estado romano para representar o poder e España. “Este coloquio reivindica a investigación especializada e rexeita que as universidades sexan avaliadas exclusivamente por criterios de mercado”, dixo Caínzos, ao tempo que manifestou o desexo de que este foro, que “reúne todos os responsables da xestión, protección, conservación e difusión do patrimonio de Lugo, dea os seus froitos”. Programa do coloquio ‘As cidades do poder en Hispania’ A creación da rede de cidades representativas do poder de Roma en España e a comparación destas capitais conventuais con outras provincias do imperio romano centran a temática dos relatorios programados na primeira xornada do coloquio internacional ‘As cidades do poder en Hispania’. Os participantes neste foro abordarán este xoves a repercusión económica das chamadas capitais provinciais do imperio na súa contorna de influenza, así como os cambios propiciados na transformación do territorio. Os relatorios do xoves, que se desenvolverán en quenda de mañá, concluirán pola tarde cunha visita arqueolóxica á cidade de Lugo, un percorrido pola historia romana da cidade que, entre outros lugares, achegará aos participantes neste coloquio ao Museo do Templo de Mitra. As consecuencias que tiveron as cidades representativas do poder do imperio romano nos pobos indíxenas e a súa repercusión tanto social como institucional serán algúns dos temas que aborden os relatores o venres na xornada de clausura deste foro, no que tamén se analizarán outros aspectos ideolóxicos e cuestión relixiosa.