Pasar al contenido principal
STG

O que todo persoal investigador debería saber sobre patentes e nunca se atreveu a preguntar

Investigadores/as, empresas ou organizacións con interese en coñecer os mecanismos de protección dos resultados de investigación son os destinatarios da xornada ‘ O que todo investigador debería saber sobre patentes e nunca se atreveu a preguntar’. Celebrarase o próximo día 14, organizada pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC. Nesta nova acción formativa, introduciranse os requisitos que debe cumprir un resultado de investigación para que poida ser patentable, ademais de que se abordarán os procedementos nacionais, europeos e internacionais de protección de invencións. Como explican os promotores da xornada, na maioría dos casos, unha boa protección dos resultados de investigación facilita o proceso de transferencia ao tecido industrial e permite obter unha fonte de ingresos para financiar novos proxectos e desenvolvementos. Na xornada intervirán examinadores da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e da Oficina Europea de Patentes (OEP), polo que algunhas das sesión impartiranse en inglés. Haberá tamén un obradoiro práctico sobre cómo levar a cabo buscas en bases de datos de patentes que permitan ter unha visión global do estado da técnica antes de comezar un proxecto de investigación, durante a súa execución e unha vez rematado o mesmo. As sesións celebraranse no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) e na Facultade de Bioloxía situados en Campus Vida (Campus sur) en Santiago de Compostela. As persoas interesadas deberán confirmar a súa asistencia a través do formulario que se pode cumprimentar en liña. Para acadar máis información, tamén poden contactar con Fernando Pardo Seco (fernando.pardo [at] usc.es (fernando[dot]pardo[at]usc[dot]es) / Teléfono 881815526).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2013.