Pasar al contenido principal
STG

Cen estudantes estranxeiros ampliarán a formación nos centros universitarios do campus de Lugo durante o curso 2013-2014

O Vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo preside este mércores o acto de benvida aos alumnos foráneos na Facultade de Humanidades

O Vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidirá este mércores, a partir das 13.30 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades, o acto de benvida os cen estudantes estranxeiros que ampliarán a súa formación académica ao longo deste curso 2013-14 nos distintos centros do campus lugués.

A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, a responsable de mobilidade no devandito centro universitario lugués, JoDee Anderson, e Anne Forryan, da Oficina de Relacións Exteriores da Universidade de Santiago, serán outros dos relatores que participarán este acto cos estudantes estranxeiros. Respecto da procedencia dos universitarios foráneos que ampliarán a súa formación no campus de Lugo ao longo do curso 2013-14, Forryan sinalou que os centros universitarios lugueses volverán contar entre os seus matriculados con estudantes procedentes de distintos países europeos, a maioría deles chegados, a través do programa Erasmus ou de convenios bilaterais, de Italia, Portugal, Gran Bretaña, Polonia e Alemaña. Do mesmo xeito que en anos anteriores, o campus de Lugo tamén foi elixido como destino universitario por un bo número de estudantes procedentes doutras universidades radicadas no continente americano. Moitos destes alumnos completarán estadías en Lugo por un período de seis meses, segundo subliñou Forryan, quen precisou que México, Arxentina e Brasil son os países de orixe dos universitarios americanos chegados ao campus de Lugo maioritariamente a través de convenios bilaterais entre as súas universidades de procedencia e a Universidade de Santiago. A distribución do alumnado estranxeiro polos centros do campus de Lugo é bastante heteroxénea, segundo indicou Forryan, quen precisou que a maioría das escolas e facultades contará nas súas aulas coa presenza algún estudante doutro país.

Unha das novidades salientadas por Forryan respecto da chegada de estudantes estranxeiros ao campus de Lugo é a que atinxe ao servizo de acompañamento de universitarios posto en marcha este ano e no que participan universitarios lugueses que xa teñen participado no programa Erasmus.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.09.2013.