O XI Curso de Formación Básica en Voluntariado da USC mantén a súa matrícula aberta

O Curso de Formación Básica en Voluntariado chega á súa décimo primeira edición promovido nos dous campus polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC. Desenvolveranse os días 20, 21, 27, 28 de setembro ademais do 4 e 5 de outubro en Santiago e 18 e 19 dese mes en Lugo. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o 19 de setembro. Cun número de prazas limitado e un custe de matrícula de 60 euros, para poder obter os certificados de aproveitamento só se poderá faltar ao 10% das horas totais do curso, coa obrigatoriedade de entregar unha memoria final dunha extensión mínima de 400 palabras. O curso ten recoñecemento académico para os graos con 2 créditos ECTS e para as licenciaturas e diplomaturas con 2 créditos de libre configuración.
En Santiago, o curso desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, mentres que en Lugo celebrarase no Salón de Actos da Residencia Universitaria Bal y Gay. Arrancando cunha sesión introdutoria á acción voluntaria, as distintas charlas programadas profundarán na atención á diversidade, inmigración e interculturalidade, voluntariado e idade, cooperación e educación para o desenvolvemento, voluntariado e medio ambiente, TIC e participación social e voluntariado e saúde.