Entréganse na USC os premios do concurso estatístico ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ a centros da Gudiña e Pontevedra
O CPI Laureano Prieto de A Gudiña (Ourense) e o IES A Xunqueira 1 (Pontevedra) son os gañadores do terceiro concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ que convoca a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (SGAPEIO) coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Instituto Galego de Estatística e a Fundación Barrié. A entrega de premios terá lugar este xoves 20 ás 12.00 horas na Facultade de Matemáticas compostelá. Entre os traballos presentados a esta terceira convocatoria, o xurado premiou na categoría de 1º e 2º da ESO o proxecto do CPI Laureano Prieto ‘Quen planta lume ao monte?’ e na de 3º e 4º da ESO a iniciativa ‘¿E ti como empezas o día? do IES A Xunqueira 1. Mencións especiais O xurado quixo recoñecer ademais outros traballos presentados, que recibirán unha mención. Entre os de 1º e 2º da ESO destacan ‘Influiu a lúa no teu nacemento?’ do CPI Cova Terreña (Baiona) e ‘Estudo comparativo dos micromamíferos de dúas covas nas inmediacións de Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro, Lugo)’ do CPI Laureano Prieto da Gudiña. Entre os de 3º e 4º da ESO entregarase unha mención ao traballo ‘Tempo e clima en San Sadurniño’, do CPI San Sadurniño. Na categoría Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Médio, o xurado acordou deixar deserto o premio, concedéndose mención especial ao traballo ‘Sondaxe sobre produtos financeiros en Ourense’ do Colexio Marista Santa María (Ourense).