O proxecto Le.es investiga dende a USC a literatura electrónica feita na Península Ibérica
O proxecto de investigación da USC ‘Le.es: A literatura electrónica en España (Inventario e estudo)’ acaba de lanzar unha web divulgativa cun inventario dos autores máis importantes da Península Ibérica dedicados á creación e ao estudo da literatura nos novos medios. Ao tempo, o proxecto fará estudo e seguimento da actualidade deste campo emerxente e híbrido, que está en permanente cambio e experimentación. O enderezo web é http://proxectole.es/ O proxecto está vinculado á Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela e o seu coordinador é Anxo Abuín, profesor titular da facultade de Filoloxía da USC. Conta con financiamento da Xunta de Galicia a través do plan Incite e nel participan 11 investigadores de toda a comunidade procedentes da filoloxía e a literatura comparada, así como doutros eidos como o teatro ou o xornalismo. O equipo compóñeno ademais do propio Abuín, a profesora experta en Ciberliteratura María Teresa Vilariño, o catedrático e académico da RAE Darío Villanueva, o profesor da ESAD Alfonso Rivera, e os investigadores da USC Manuel del Río, Andrea Álvarez Pino, David Muíño, María López Suárez, Iria Castro, Saúl Rivas e María Yáñez. A web contén un amplo inventario dos principais creadores que teñen experimentado coa literatura electrónica, dende diversos ámbitos como o net-art, a performance ou a narrativa transmedia. Tamén se inclúe unha listaxe de teóricos e críticos que se dedican ao estudo das literaturas dixitais, sobre todo do ámbito español pero tamén de Portugal e Latinoamérica. Como sinalan os seus promotores/as, en total son case cen referencias que se irán ampliando a medida que o proxecto se desenvolva, nun traballo en continua construción. Dentro deste proxecto multidisciplinar, os investigadores apuntan a especial relevancia do estudo da performance cultural e artística, en particular aquela que utiliza os novos medios, a través do blog Magmática, coordinado por Andrea Álvarez Pino e María López Suárez. Cunha ampla lista de publicacións, bibliografía e enlaces de referencia, a web pretende ser unha ferramenta de traballo para investigadores e para todas as persoas interesadas no ámbito da produción cultural nos novos medios. Ao ser un campo en continuo cambio e experimentación, a actualidade do mesmo será seguida moi de cerca a través de noticias e recensións de novos traballos, explican os seus promotores. Nos vindeiros meses a web tamén pretende acoller un espazo para a creación de literatura electrónica feita en Galicia, e mesmo a recuperación de obras pioneiras realizadas nas pasadas décadas e que xa non están dispoñibles no seu formato orixinal. Web: http://proxectole.es/. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao correo electrónico info [at] proxectole.es (info[at]proxectole[dot]es).