Pasar al contenido principal
STG

Colectivos da USC en Lugo organizan un ciclo de charlas e mesas redondas para analizar a crise desde o ámbito universitario

Pedro García Herradón (esquerda) e Marcelo Maneiro, durante a presentación do ciclo de charlas e mesas redondas 'Na Encrucillada'
Pedro García Herradón (esquerda) e Marcelo Maneiro, durante a presentación do ciclo de charlas e mesas redondas 'Na Encrucillada'
Docentes, investigadores, PAS e estudantes forman parte da iniciativa, que comeza o xoves 15 cun relatorio do catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence Deza

Diversos colectivos da USC no Campus de Lugo organizan para os meses de marzo e abril un ciclo de charlas e mesas redondas no que, baixo a denominación ‘Na Encrucillada’, se analizará a situación de crise na que vivimos desde as súas diferentes vertentes (económica, social, educativa, informativa, de valores...), co punto de partida común da universidade como institución xeradora de coñecemento e análise. A idea xurdiu desde as comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo, ás que posteriormente se foron unindo outros colectivos de docentes, investigadores, persoal de servizos e estudantes. O profesor Marcelo Maneiro, docente na Facultade de Ciencias e un dos coordinadores da iniciativa, explicou na rolda de prensa de presentación dos encontros os motivos da posta en marcha deste ciclo: “A crise económica na que estamos inmersos está propiciando un cambio radical na concepción do mundo e no xeito de relacionarnos, e semella que chegou tan por sorpresa que moitas veces non comprendemos ata que punto nos está afectar e cara a onde nos conduce. Cremos que a universidade ten a obriga de establecer un foro para o debate e a reflexión, unha análise conxunta que nos axude a saír ben parados deste encrucillada”. Maneiro destacou tamén “a implicación de gran parte da comunidade universitaria nesta iniciativa, o que permite que se poida desenvolver sen que supoña custo ningún”. Na presentación participaron tamén outros membros da plataforma de apoio á iniciativa: Marta López, da Facultade de Veterinaria; Francisco Candia, Facultade de Formación de Profesorado; Mar Pérez e Bernardo Valdês, da Escola Politécnica Superior; e Lucas Gómez, Unidade de Xestión Académica. No acto tamén interveu o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, quen trasladou aos membros da organización deste ciclo de encontros “o apoio da institución”, e insistiu en que malia tratarse dunha iniciativa xurdida no seo da USC, “a asistencia ás charlas está aberta á cidadanía en xeral”. Calendario das actividades O ciclo desenvolverase en diferentes localizacións do Campus de Lugo, “como xeito de mostrar a implicación dos múltiples colectivos que se foron sumando ao proxecto”, indican os organizadores. O xoves 15 de marzo o ciclo comeza coa charla-coloquio ‘As causas da crise e o fracaso das políticas neoliberais’, a cargo do catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Vence Deza. Este primeiro encontro desenvolverase no salón de actos da Escola Politécnica Superior, ás 19.00 h. O xoves 22 será a quenda do xuíz galego Luís Villares Naveira, maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi, quen presentará o seu relatorio ‘A crise da xustiza e a xustiza da crise’. Esta segunda cita terá lugar na Facultade de Formación do Profesorado, tamén ás 19.00 horas. Xa no mes de abril as conferencias deixan lugar ás mesas redondas. A primeira delas, centrada “no modelo de universidade que debera xurdir do proceso de catarse que se deriva desta conxuntura económica”, celebrarase na Facultade de Veterinaria o xoves 12 de abril, e nela tomarán parte representantes dos diferentes colectivos que compoñen a comunidade universitaria: profesores, PAS, bolseiros e alumnado. Finalmente, o xoves 19 de abril o ciclo péchase cunha mesa redonda sobre información e medios de comunicación, á que están convidados responsables de diferentes medios escritos e dixitais, así como profesores universitarios deste ámbito. A Facultade de Humanidades será a sede deste último encontro. En función do interese suscitado por estas catro citas xa programadas, os organizadores non desbotan a posibilidade de organizar novos encontros nos que seguir debatendo sobre a situación económica desde outras perspectivas. De esquerda a dereita, Mar Pérez, Marta López, Francisco Candia, Bernardo Valdés e Lucas Gómez, da organización destes encontros

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2012.