Pasar al contenido principal
STG

A arqueóloga Covadonga Carreño reconstrúe o plano de Lugo no ciclo ‘Coñece vostede Lucus Augusti?’

‘A forma urbis á luz dos últimos achados’ é o título da conferencia pronunciada pola arqueóloga do concello lugués Covadonga Carreño na cuarta sesión do ciclo ‘Coñece vostede Lucus Augusti?’, que organizan a Facultade de Humanidades e a Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo.

Covadonga Carreño presentou o plano da cidade tal como se pode reconstruír a partir das escavacións e intervencións dos últimos anos, destacando algúns dos elementos máis importante, como a trama urbano, as casas ou as infraestruturas. Este foi o punto de partida tamén para unha reconstrución hipotética do modo en que se desenvolvían as actividades económicas, a vida relixiosa ou a cultura funeraria, entre outros aspectos.

A arqueóloga referiuse ademais a algunhas das intervencións realizadas e que permitiron a divulgación do patrimonio lugués, como poden ser a piscina de Santa María ou o acueduto de San Marcos. Neste senso, Carreño destacou a importancia que para a cidade tivo a declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade, o que permitiu dar a coñecer o Lugo romano no ámbito nacional e internacional. Este ciclo, pensado para dar a coñecer os achados arqueolóxicos do último decenio na cidade, rematará o vindeiro xoves 19.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.01.2012.