Pasar al contenido principal
STG

As III Xornadas Bienais de Investigadores Novos en Proteómica reúne na USC a 200 expertos de toda España

A investigación en proteómica reunirá este xoves 9 e o venres 10 na USC a 200 investigadores de toda España nas III Xornadas Bienais de Investigadores Novos sobre a disciplina, nun evento que conta co auspicio da Sociedade Española de Proteómica (SEProt). A xuntanza celebrarase na Facultade de Química, onde o acto inaugural se celebrará este mesmo xoves ás 9.30 horas. A proteómica é unha disciplina que permite analizar minuciosamente o proteoma, o conxunto de proteínas presentes nunha célula, tecido ou fluído biolóxico nun momento dado. Orixinadas a partir dos xenes, as proteínas son as responsables finais do funcionamento correcto do organismo, de xeito que son erros nas proteínas os que causan a maior parte das enfermidades. Como apunta Ángel García Alonso, investigador Ramón y Cajal do CIMUS e do departamento de Farmacoloxía da USC e organizador do encontro, un maior coñecemento destas relacións entre as proteínas e as enfermidades implica saber máis das doenzas e mellorar os seus tratamentos. Así, estas xornadas pretenden ser un punto de encontro para que os científicos poñan en común os resultados máis relevantes das súas investigacións e tamén os problemas metodolóxicos que podan xurdir. De igual maneira, a xuntanza permitirá o establecemento de colaboracións científicas futuras. O programa divídese en seis sesións que cobren aspectos tan diversos coma a proteómica cuantitativa, modificacións post-traducionais, análise de datos, microorganismos e parasitos, proteómica animal e vexetal e proteómica biomédica. Cobre por tanto investigacións aplicadas á agricultura, microbioloxía, veterinaria e á biomedicina. Aparte da Facultade de Química da USC, a xuntanza contará coa colaboración da Fundación IDICHUS, que contribuirá con premios para as mellores presentacións científicas. O programa detallado pode ser consultado na páxina web do evento www.jornadasproteomica2012.es.

Xunto a Ángel García, quen ademais é membro da xunta directiva da SEProt, na organización do evento participan as investigadoras Miguel Servet do Sistema Nacional de Saúde María Pardo Pérez, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e Cristina Ruíz Romero, do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2012.