Xornadas de portas abertas na Unidade de Atención Temperá ao longo do ano para dar a coñecer o seu traballo

Máis de 200 persoas asistiron este venres á que foi a primeira xornada de portas abertas posta en marcha pola Unidade de Atención Temperá da USC coa intención de dar a coñecer o servizo ás familias interesadas, unha experiencia que se repetirá ao longo do ano. A xornada contou co relatorio da presidenta da Federación Española de Enfermidades Raras, Isabel Calvo, quen destacou o valor do traballo que levan a cabo os profesionais da Unidade de Atención Temperá con menores que teñen algún tipo de enfermidade rara. E é que, como apuntou, tendo en conta que a media para obter un diagnóstico neste tipo de casos é de 5 anos e que máis do 40% dos afectados que sofre un retraso no diagnóstico non recibe nin apoio nin tratamento, o traballo de profesionais en atención temperá é “fundamental”. No debate -no que tamén participaron a directora da Unidade de Atención Temperá, a profesora Mª Jose Buceta; o catedrático de Pediatría, José María Martinón; e a directora da Escola Infantil Camilo José Cela do Centro Hospitalario Universitario de Santiago, Ruth Gómez- a presidenta de FEDER recordou, ademais, que aínda que na actualidade hai 200 asociacións en España centradas nas doenzas pouco frecuentes é preciso impulsar a creación da Organización Estatal de Enfermidades Raras como o órgano que coordine todas as actuacións relativas ás ER. Nova xornada en setembro O profesionais da Unidade de Atención Temperá están traballando agora nunha nova xornada de portas abertas que se celebrará en setembro á que poderán asistir pais e nais que teñan nenos e nenas con necesidades educativas especiais. A Unidade de Atención Temperá tratou na última década a máis de 2.500 menores afectados por trastornos ambientais con factores de estres, exclusión social, trastornos na linguaxe ou algún tipo de enfermidade rara, entre outros.
Composta por un equipo multiprofesional do ámbito social, educativo e psicolóxico, a Unidade conseguiu unir a docencia, a investigación e a atención aos usuarios para dar servizo a todos estes menores. Emprazada na Facultade de Psicoloxía, conta con salas de logopedia, de terapia de xogo, de atención temperá, de investigación, estimulación precoz e atención psicopedagóxica.