A I Xornada de Emprendemento da Mocidade Galega Aberta busca solucións ao actual contexto social e económico
A I Xornada de Emprendemento da Mocidade Galega Aberta buscará contribuír a propoñer ideas e solucións ao actual contexto social e económico dende unha perspectiva particular da economía e do mundo empresarial, aquela que considera que a actividade económica ten por obxectivo satisfacer as necesidades humanas. Esta actividade, que promove a asociación Mocidade Galega Aberta, presentará o emprendemento ante os futuros profesionais como a “mellora saída laboral e solución á crise económica e de valores actual”. Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, o encontro comezará ás 10.15 horas coa exposición do informe Gem Galicia 2010 a cargo da profesora de Econometía Isabel Neira, que dará paso ao profesor de Análise Económica Federico Martín para presentar o informe ‘Deficiencias estruturais, migración interrexional e fuga de cerebros’. Enrique Gómez, de BIC Galicia, tomará a palabra a continuación propoñendo ‘Os oito pasos cara o emprendemento’. Para completar a sesión matinal, o responsable de Difusión Cooperativa en Mondragón Corporation. Mikel Lezamiz, intervén para analizar o modelo de éxito da Cooperativa Mondragón. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, o programa incorpora o testemuño de Javier Álvarez, en representación de IMAXDI; Manuel Lolo, de AMS Lab; Tatiana López, de Nanogap; e Tatiana Mancebo, para explicar a experiencia de Algueirada. Deseguido, José Manuel Ortigueira, de XES Galicia, e Tania Villares, de Unirisco, referiranse ás alternativas de financiamento á iniciativa emprendedora. A xornada completará o seu programa cunha quenda dedicada á competitividade dos factores endóxenos galegos, na que intervirán representantes do Foro Peinador, da operadora R, da Rede Galega de Empresas e do IGADI. Para acadar máis información sobre a xornada, as persoas interesadas poden visitar a web http://mocidadegalegaberta.wordpress.com/2012/04/03/lanzamos-a-prim/.