Pasar al contenido principal
STG

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebrou a festividade do seu patrón

De dereita a esquerda, Ceferino Díaz, Sara Cantorna e Emilia Vázquez
De dereita a esquerda, Ceferino Díaz, Sara Cantorna e Emilia Vázquez
O profesor do centro Ceferino Díaz analizou nunha conferencia os últimos acontecementos económicos

Ciencias Económicas e Empresariais conmemorou este mércores a festividade de San Vicente Ferrer, patrón deste centro compostelán cun acto académico que presidiu a vicerreitora de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna. Na cerimonia interveu a decana da Facultade, Emilia Vázquez Rozas, que deu paso á entrega dos premios extraordinarios de licenciatura correspondentes ao pasado curso 2010-2011, os de Calidade Lingüística dos Traballos Académicos e o Premio Fulget 2011 á empresa Galchimia. Como colofón, o profesor do Departamento de Economía Aplicada Ceferino Díaz pronunciou unha conferencia na que comezou facendo un percorrido pola súa vida no centro, ao que accede como integrante da primeira promoción dos estudos da Licenciatura en Economía e no que logo se incorpora ao claustro docente como profesor axudante. Díaz, que estes últimos doce anos ocupou un escano no Congreso dos Deputados, dedicou boa parte do seu discurso a ofrecer a súa visión global sobre os máis recentes acontecementos económicos achegando a súa propia experiencia ao respecto. Para o profesor, a “excesiva dependencia e manipulación externa dos mercados financeiros que contaron con axuda pública e que agora volven ser os amos e señores” fai difícil “aventurar o futuro a grande escala aínda que –advirte- sen dúbida deixaranse ver importantes danos colaterais, tamén nos mercados financeiros”. A única alternativa posible á situación actual sería para Díaz “o triunfo da racionalidade, que poña o obxectivo no emprego para despois axustar as contas públicas”. O profesor Ceferino Díaz pronunciou a conferencia central do acto Ao acto asistiron membros do claustro docente e investigador do centro

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.04.2012.