Posta en común dos decanos e decanas de Psicoloxía de España perante os recentes cambios

Os decanos e decanas das trinta e seis Facultades españolas de Psicoloxía reúnense este xoves e venres en Santiago nunha das dúas habituais conferencias que cada ano organizan para pór en común cuestións de interese xeral para a titulación e a carreira profesional. Nesta ocasión, a xuntanza organízaa a Universidade compostelá. A reunión, a desenvolver no Salón do Peregrino de San Martiño Pinario, inaugurouse nun acto no que interviñeron o reitor compostelán, Juan Casares; a decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero; e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía, Rosa Álvarez Prada. Estas xuntanzas tratan sempre cuestións relacionadas co deseño e ordenación dos estudos e coa profesión propiamente dita. En Santiago reúnense para analizar os cambios recentes no panorama educativo e concretamente como afectan á titulación as modificacións reguladas polo recente Real Decreto. Ademais, estudarán os criterios de valoración na investigación en psicoloxía.
A primeira destas conferencias tivo lugar precisamente na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1991, sendo decano comisario o profesor José Manuel Sabucedo.