Pasar al contenido principal
STG

O proxecto Estalmat-Galicia de estímulo do talento matemático gradúa a súa promoción 2010-2012

A promoción 2010-2012 do proxecto de estímulo do talento matemático ESTALMAT-Galicia, no que participaron estudantes de 12 e 13 anos, pecha este sábado 26 a súa programación de actividades. A xornada inclúe unha visita dos rapaces e rapazas acompañados dos seus proxenitores ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e ao supercomputador FinisTerrae onde os recibirá o director do Cesga, Javier García Tobío, a partir das 10.45 horas. Esta visita comezará cunha charla na que o técnico do Centro Marcos Cobas lle explicará aos visitantes a utilidade da computación e qué se fai no Cesga e particularmente no supercomputador FinisTerrae. Deseguido, o responsable de Comunicación Fernando Bouzas describiralles as características principais deste supercomputador nunha visita á súa infraestrutura operativa. Clausura protocolaria De volta á Facultade de Matemáticas, a partir das 12.30 horas na Aula Magna do centro, o reitor Juan Casares presidirá o acto formal de entrega de diplomas e a imposición de becas ao alumnado desta promoción do programa de estímulo do talento matemático. Estarán presentes ademais a decana María Victoria Otero Espinar; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José L. Mira; o deputado provincial da Coruña, Santiago Freire; o coordinador académico de ESTALMAT-Galicia, Víctor Pollán; o director da Zona Noroeste da Fundación Vodafone España, José de Santiago; e o presidente de ESTALMAT-Galicia, o profesor Juan Viaño. O punto de arranque desta sesión porao Victor Pollán referíndose ao desenvolvemento do programa académico desta promoción e aos resultados das enquisas de satisfacción e continuará coa intervención de Juan Viaño para realizar un balance global dunha nova promoción de ESTALMAT. Logo da quenda de palabras dos representantes dos patrocinadores e da decana María Victoria Otero, falará Enrique de la Torre representando ao equipo docente, seguido de Aurea González e Ramón Fernández representando ás familias do estudantado para realizar unha descrición do que foi a experiencia neste programa. En nome do alumnado da promoción, tomarán a palabra Bárbara Rodríguez, Irene Fernández, Aarón Pérez e José Alberto Castellanos. A entrega de diplomas e a foto de grupo concluirán a xornada. Os alumnos que agora se despiden poden, se así o desexan, continuar dous anos mais vinculados a este programa auspiciado pola Real Academia de Ciencias Exactas Físicas e Naturales que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da USC así como de diversos patrocinadores de carácter privado. ESTALMAT-Galicia

Implantado por vez primeira no curso 2007-08, ESTALMAT-Galicia busca detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Ao longo de dous cursos académicos (ampliables a dous anos mais) os 25 alumnos seleccionados participan en actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas actividades, que son totalmente gratuítas, teñen lugar en 20 mañás dos sábados de cada curso académico, na Facultade de Matemáticas da USC. O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 41 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2012.