Os Puntos de Atención Emprendedora da USC presentaranse en Ciencias Económicas
Os Puntos de Atención Emprendedora (PAE) presentaranse este xoves 3 maio no transcurso dunhas xornadas que se estenderán ata o venres 4 organizadas pola Cátedra Bancaja de Emprendedores Novos da USC e nas que tamén se presentará o II Programa Impulso de Bancaja. O encontro celebrarase na Aula B da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde se celebrará a inauguración das xornadas a partir das 10.00 horas. Esta é unha iniciativa que xorde da colaboración que desenvolve a USC a través da Cátedra da Mocidade Emprendedora con Bancaja, a Fundación Incyde e a Cámara de Comercio de Santiago. A finalidade é o fomento do espírito emprendedor e o apoio aos universitarios na posta en marcha de proxectos emprendedores e creación de novas empresas. Nestas xornadas preténdese reforzar a interacción e o intercambio de ideas, proxectos e experiencias, o que queda reflectido nun programa que inclúe a presentación de recursos para o emprendemento dentro da USC, experiencias emprendedoras de éxito e talleres para o estudantado que desexe iniciarse e coñecer máis de cerca as posibilidades de desenvolver os seus proxectos. Coa creación dos PAE nos campus Vida, Norte e de Lugo, a USC centraliza a información e recursos a disposición dos estudantes emprendedores nunha ‘ventanilla única’. Puntos de Atención Emprendedora Os Puntos de Atención Emprendedora son un proxecto piloto que promoven as universidades de Estremadura, Granada e Santiago de Compostela en colaboración coas correspondentes Cámaras de Comercio e co apoio técnico da Fundación INCYDE. Oriéntanse a axudar aos emprendedores universitarios a facer fronte aos obstáculos que poden atopar no inicio da súa actividade empresarial. Os PAE contan co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e do Fondo Social Europeo. No desenvolvemento dos seus cometidos, combinará o recurso universitario co das cámaras de comercio creando un servizo de atención e apoio a universitarios emprendedores que, ademais, estimule a aceleración do desenvolvemento empresarial e fomente a interacción e o intercambio de ideas, proxectos e experiencias. A USC contará con tres puntos, un en Campus Vida, outro no Campus Norte e o terceiro no de Lugo. As persoas interesadas poden acadar máis información sobre o programas das xornadas na web http://ecoade-santiago.blogspot.com.es/2012/04/jornada-de-presentacion-de-los-pae.html.