Pasar al contenido principal
STG

Estudan a contribución dos animais domésticos e silvestres á contaminación das augas superficiais por Cryptosporidium e Giardia

A tese leva por título 'Contribución de los animales domésticos y silvestres a la contaminación de aguas superficiales por Cryptosporidium y Giardia'
A tese leva por título 'Contribución de los animales domésticos y silvestres a la contaminación de aguas superficiales por Cryptosporidium y Giardia'

A cryptosporidiose e a giardiose son dúas enfermidades parasitarias ocasionadas por protozoos pertencentes aos xéneros Cryptosporidium e Giardia, respectivamente, cun grande interese económico dende o punto de vista da sanidade animal, especialmente nos ruminantes domésticos durante o período de crecemento. En ambos os dous casos son enfermidades transmisibles ás persoas. Así, se teñen descrito brotes tanto de cryptosporidiose como de giardiose debido á inxestión de auga ou alimentos contaminados polas excretas de ruminantes domésticos ou pola reutilización de augas residuais depuradas. Este é o punto de partida da tese que acaba de defender na Facultade de Farmacia Ignacio García Presedo licenciado en Bioloxía, e agora doutor, pola USC co título ‘Contribución de los animales domésticos y silvestres a la contaminación de aguas superficiales por Cryptosporidium y Giardia’ que dirixiu José A. Castro Hermida, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo da Xunta de Galicia, e a titoría da catedrática da USC Elvira Ares Mazás. O traballo obtivo a cualificación de Apto cum laude. Como explicou no acto de defensa e mantemento García Presedo, “a presenza de Cryptosporidium spp. e de Giardia duodenalis no subministro de auga supón un problema de saúde pública, xa que ambas formas parasitarias superan sen dificultade os sistemas de depuración”. Á vista dos resultados alcanzados o investigador sinala a necesidade de definir “pautas racionais de control de ambos enteropatóxenos nas explotación gandeiras”, apuntando tamén a necesidade de actualizar a lexislación vixente en materia de control e vixilancia da calidade das augas (superficiais, potables e residuais). García Presedo sinala nas súas conclusións que a investigación demostra que a cryptosporidiose e a giardiose están amplamente distribuídas nas ganderías bovina e ovina de Galicia, e confirma a contribución dos ruminante domésticos á contaminación de augas superficiais, cunha maior repercusión durante os meses de primavera e verán e en zonas do interior de Galicia. Dentro deste grupo de animais son os “maiores dun ano de idade a principal fonte de infección por Cryptosporidium spp. e G. duodenalis nos rebaños, podendo afectar aos animais lactantes durante a época de partos”. O traballo de Ignacio García confirma tamén que as xovencas e as vacas, especialmente de aptitude leiteira, son os principais reservorios zoonóticos de ambas infeccións en Galicia. Como se recolle neste traballo, a existencia de altas concentracións de ooquistes de Cryptosporidium spp. e quistes de G. duodenalis potencialmente viables nas augas tratadas nas estacións depuradoras de auga residual, que verten directamente aos ríos e ao mar, “pon de manifesto que os efluentes destas plantas constitúen a principal fonte de contaminación das augas superficiais por ambos patóxenos en Galicia”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.11.2012.