Pasar al contenido principal
STG

A Facultade de Humanidades de Lugo organiza un encontro internacional sobre fraseoloxía, didáctica das linguas e tradución

Expertos mundiais sobre este ámbito da lingüística intervirán no coloquio 'Fraditrad', que se celebra entre os días 29 e 31 de outubro

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo organiza entre os días 29 e 31 de outubro o Coloquio Internacional Fraditrad (Fraseoloxía, Didáctica das linguas e Tradución). Trátase dun encontro que se celebra por primeira vez en Lugo e que estará centrado exclusivamente no ámbito da fraseoloxía, desde as súas diferentes perspectivas: fraseoloxía teórica (elementos descritivos, definitorios e clasificatorios), fraseoloxía aplicada (fraseografía, fraseodidáctica, tradución...) e gramática das construcións. Ademais da USC (representada por Mª Isabel González Rey, decana da Facultade de Humanidades, e María Montes López, profesora de Italiano na Facultade de Filoloxía de Santiago), no comité organizador tamén participan a Universidad Complutense de Madrid, a Universitat d’Alacant e a Universidad de Murcia. O luns 29 terá lugar o acto inaugural do encontro, no que participan o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o alcalde de Lugo, José C. López Orozco; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Besteiro; a directora do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana da USC, Laurence Malingret; e dous dos membros do comité organizador: María Isabel González Rey e a profesora da Universidad Complutense de Madrid Julia Sevilla Muñoz. O programa inclúe dezaseis conferencias a cargo de expertos internacionais desta área da lingüística, procedentes das universidades organizadoras e doutras de diferentes países europeos: Universidade de Augsburgo (Alemaña), Universidade de Budapest (Hungría),Universidades de Grenoble e Caen (Francia), Universidade Nacional e Kapodistríaca de Atenas (Grecia) e Universidade de Pádova (Italia). Así mesmo, outras corenta comunicacións completan a oferta do encontro, coa participación de relatores galegos, do resto de España e de Francia, Romanía, Serbia, Italia ou Alemaña. Outras linguas como o ruso, o bielorruso, o portugués e mesmo o latín terán tamén presenza no encontro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2012.