Pasar al contenido principal
STG

Comeza na Facultade de Humanidades de Lugo un congreso internacional sobre fraseoloxía, didáctica das linguas e tradución

De esquerda a dereita, María Isabel González Rey, Lara Méndez, Pedro García Herradón, José López Orozco, Laurence Malingret e Julia Sevilla, na inauguración do coloquio internacional 'Fraditrad' en...
De esquerda a dereita, María Isabel González Rey, Lara Méndez, Pedro García Herradón, José López Orozco, Laurence Malingret e Julia Sevilla, na inauguración do coloquio internacional 'Fraditrad' en...
Expertos mundiais sobre este ámbito da lingüística interveñen no coloquio 'Fraditrad', que se celebra do 29 ao 31 de outubro

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo é a sede entre o 29 e o 31 de outubro do Coloquio Internacional Fraditrad (Fraseoloxía, Didáctica das linguas e Tradución), un encontro que se celebra por primeira vez en Lugo e que está centrado exclusivamente no ámbito da fraseoloxía, desde as súas diferentes perspectivas: fraseoloxía teórica (elementos descritivos, definitorios e clasificatorios), fraseoloxía aplicada (fraseografía, fraseodidáctica, tradución...) e gramática das construcións. Ademais da USC (representada por Mª Isabel González Rey, decana da Facultade de Humanidades, e María Montes, profesora da Facultade de Filoloxía de Santiago), no comité organizador participan tamén a Universidad Complutense de Madrid, a Universitat d’Alacant e a Universidad de Murcia. O programa inclúe un total de 15 conferencias plenarias a cargo de expertos internacionais desta área da lingüística, procedentes das universidades organizadoras e doutras de diferentes países europeos: Universidade de Augsburgo (Alemaña), Universidade de Budapest (Hungría), Universidades de Grenoble e Caen (Francia), Universidade Nacional e Kapodistríaca de Atenas (Grecia) e Universidade de Pádova (Italia). Así mesmo, outras 35 comunicacións completan a oferta do encontro, coa participación de relatores galegos, do resto de España e de Francia, Romanía, Serbia, Italia ou Alemaña. Outras linguas como o ruso, o bielorruso, o portugués (de Portugal e do Brasil) e mesmo o latín terán tamén presenza no encontro. Acto de inauguración Ao acto inaugural do encontro asistiron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o alcalde de Lugo, José C. López Orozco; a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez; a directora do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana da USC, Laurence Malingret; e dous dos membros do comité organizador: María Isabel González Rey e a profesora da Universidad Complutense de Madrid Julia Sevilla Muñoz. Na súa intervención, García Herradón agradeceu ao comité organizador o feito de que elixise para a celebración deste coloquio o campus de Lugo, "un campus que malia o seu carácter non central, dispón de titulacións de todas as ramas, incluídas as humanidades,e así queremos que siga sendo". Herrradón gabou a actividade desenvolvida pola Facultade de Humanidades, "pequena en dimensión e alumnado, pero cun enorme dinamismo, como o proba a organización deste encontro". Isabel González, pola súa banda, salientou a importancia de que catro universidades españolas "unisen os seus esforzos para a organización dun congreso que, pola súa dimensión, tanto cualitativa como cuantitativa, non se podería abordar desde unha única institución". Para Julia Sevilla, "este encontro é unha mostra do desenvolvemento dunha disciplina, a da paremioloxía e a fraseoloxía, que a pesar de ser unha ciencia nova, está a experimentar un notable avance nos últimos anos". Sevilla destacou o papel desenvolvido polos teóricos e investigadores galegos nesta consolidación da fraseoloxía como disciplina e asegurou de este congreso "é un fito neste ámbito, polo seu amplo enfoque e polas posibilidades de intercambio que ofrece entre expertos de tan variada procedencia". Laurence Malingret centro a súa intervención no carácter diferencial da fraseoloxía como disciplina lingüística: "Trátase dun aspecto cun grande atractivo, pero que quedou solapado por outras áreas durante moito tempo, quizais pola súa dificultade para abordalo teoricamente, xa que está cheo de matices e sutilizas non sempre doadas de analizar ou categorizar. Pero tamén é unha ciencia que pode resultar enormemente divertida, e que ademais de contidos lingüísticos pode achegar moita información sobre a cultura ou a idiosincrasia dunha comunidade a través dos seus clixés, refráns e expresións". Lara Méndez afirmou que a USC "pode contar, como sempre, coa implicación da Deputación Provincial para a posta en marcha de iniciativas coma esta que, ademais de dotar de contidos o campus de Lugo, achegan novos visitantes á nosa cidade e á nosa provincia". Méndez convidou aos participantes no encontro chegados doutras comunidades ou países "a coñecer unha lingua, o galego, na que a riqueza de expresións fraseolóxicas é inmensa". Pola súa parte José López Orozco destacou o papel da universidade "como motor de futuro, sobre todo nestes tempos de dificultade, nos que cómpre non só non reducir os recursos dedicados á investigación, senón amplialos na medida do posible, pois só da man do recurso inesgotable do pensamento e o coñecemento se poden sentar as bases do progreso". Orozco tamén puxo de relevo "a importancia das humanidades como instrumento para a análise e a interpretación da realidade, base para o desenvolvemento das sociedades".

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.10.2012.