A empresa internacional LKW Walter de Austria selecciona currículos en Ciencias Económicas e Empresariais
Dirixido á realización de prácticas en empresas e organizacións europeas, o Proxecto Europracticum V da USC organiza este xoves 17 a presentación da empresa de loxística internacional LKW Walter de Austria. O evento dará comezo ás 12:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A presentación ten como obxecto recoller currículos de posibles candidatos interesados en traballar na sede da compañía, quen colabora dende hai anos como socio do proxecto Europracticum. LKW Walter busca persoas graduadas en Empresariais, Económicas ou Administración e Dirección de Empresas, sendo imprescindible un nivel alto de alemán. Como sinalan dende o proxecto Europracticum, a visita supón unha importante oportunidade para os titulados da USC xa que a empresa austríaca acolle con moito interese aos alumnos formados nas aulas composteláns polos coñecementos e entusiasmo no desempeño do seu traballo.
O proxecto Europracticum aspira a reforzar as aptitudes e competencias dos novos titulados que se atopan á procura dunha primeira experiencia profesional, ofrecéndolle ademais a posibilidade de mellorar a calidade da formación profesional continua e da adquisición de competencias ao longo da vida. Trátase ademais dun proxecto enmarcado nas iniciativas de mobilidade laboral do programa Leonardo da Vinci.