Pasar al contenido principal
STG

A USC premia cinco ideas innovadoras sobre nutrición, cirurxía odontolóxica, procesamento de peixe, política electoral e xestión de cinzas

O reitor, Juan Casares, entrega o diploma á autora dunha das ideas premiadas, Beatriz Omil Ignacio
O reitor, Juan Casares, entrega o diploma á autora dunha das ideas premiadas, Beatriz Omil Ignacio
Un total de 118 propostas emprendedoras presentáronse ao XI Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras

O XI Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras premiou este ano cinco iniciativas emprendedoras vinculadas aos eidos da nutrición, a odontoloxía, a pesca, a política e a xestión de residuos. Os gañadores recibiron hoxe o diploma acreditativo e o cheque de 600 euros cos que a USC, a través do programa Uniemprende, recoñece os mellores proxectos entre as 118 propostas presentadas nesta edición. O acto de entrega, que tivo lugar este venres 25 no Colexio de San Xerome, estivo presidido polo reitor da USC, Juan Casares. Tamén asistiron o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida; o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández, e a vicerreitora adxunta para Estudos de Grao e Posgrao, Mª Isabel González. O Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras ten por obxecto premiar a aqueles emprendedores e emprendedoras que presenten ideas innovadoras, susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. O certame, dirixido a toda a comunidade universitaria e a todas as áreas de coñecemento, valora de xeito preferente a viabilidade e factibilidade da idea, o grao de madurez, o mercado, as políticas de igualdade e o carácter innovador. Á XI edición do concurso concorreron un total de 118 ideas, un 61 por cento das cales foron presentadas por homes e o 39 por cento restante por mulleres. Por áreas de coñecemento, as ciencias xurídicas e sociais congregaron a maior parte das ideas presentadas, o 40 por cento; seguidas das ciencias experimentais (26%), as ensinanzas técnicas (22%), as da saúde (8%) e as humanidades (4%). Así mesmo, cabe salientar que o 76 por cento das ideas foron presentadas por desempregados. Ideas premiadas InfinitityLab.- InfinitityLab é o nome da empresa ideada por Pedro Arenas Barreiro, da Facultade de Bioloxía da Santiago premiada no concurso de ideas. Trátase dunha compañía que pretende ocupar un oco na área dos complementos nutricionais/funcionais en formato on the go e con distribución farmacéutica compra por impulso produto de mostrador. Concretamente, pretende iniciarse a actividade cunha completa gama de gomas de mascar funcionais, distribuída en formato de caixas de 23-25 gramos e de venta exclusiva en farmacias. Arenas resalta o potencial desta iniciativa, dado que existen gamas similares tanto en países da Unión Europea como de EE UU. Radiografías 3D.- Unha imaxe 3D de radiografía ou tomografía, que permita ao médico saber onde está traballando, posibilitando detectar o risco de tocar o nervio ou un vaso. Este é o obxectivo que persegue o ‘ Sistema de posicionamento 3D en tempo real sobre estruturas óseas para cirurxía odontoloxía’, nome do proxecto innovador ideado por Manuel García Gómez, da Facultade de Física de Santiago. Os destinatarios principais desta iniciativa serían os sistemas sanitarios públicos e privados e en particular as clínicas dentais, aínda que a técnica permitiría aplicacións noutros eidos nos que é preciso saber exactamente onde se está a traballar sen alterar ou danar zonas sensibles. Planta peixes.- A USC premiou tamén a idea emprendedora de Ismael Roca González, da Facultade de Ciencias de Lugo, para a posta en marcha dunha planta de elaboración de xel de pescado (surimi) nas proximidades do porto de Vigo. Usando especies de baixo valor comercial pódese obter un produto derivado de alto valor engadido como é o surimi, segundo propón Roca González. O produto está dirixido a empresas fabricantes de produtos derivados deste xel, que á súa vez se poden empregar na elaboración de alimentos precociñados e frescos. PolicalBot.- Achegar aos votantes o programa electoral mediante bots conversacionais (programa informático que simular ser unha persoa coa que se pode conversar) nas web dos candidatos. Esta é a proposta de Leticia Borrajo Enríquez, da Facultade Informática de Ourense. Trátase de facer máis accesible e menos tedioso que a lectura dos programas electorais. A autora do proxecto sinala que a aplicación deste sistema suporía unha mellora para os partidos políticos e os candidatos á hora de planificar mitins e expor a súa ideoloxía e propostas. Enerxía.- A quinta idea premiada é a de Beatriz Omil Ignacio, da Escola Politécnica Superior de Lugo, quen propón a xestión de cinzas xeradas nas plantas enerxéticas de biomasa como fertilizante e enmendante de solos agrícolas e forestais. A empresa está dirixida tanto a plantas de biomasa como a selvicultores, xestores forestais e agricultores. Juan Casares presidiu o acto de entrega dos premios, celebrado en San Xerome

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2011.