Filólogos da USC colaboran na elaboración da primeira historia mundial da literatura en inglés

Investigadores da Facultade de Filoloxía da USC asesoran ao proxecto internacional ‘ Literature: a World History’, patrocinado polo Stockholm Collegium of World Literary History, e que representa a primeira historia mundial da literatura en inglés. O seu obxectivo é dar conta dun xeito coherente e equilibrado das distintas culturas literarias do mundo baixo unha óptica reflexiva e autocrítica polo que á epistemoloxía, metodoloxía e as distintas perspectivas culturais se refire. Os grupos encargados dos proxectos ‘As literaturas medievais nun contexto mundial’ (LITMECOM) e ‘Europa, en comparación: UE, identidade e a idea de literatura europea’ (EUROCOMP), ambos os dous baixo a coordinación do profesor César Domínguez, son os únicos investigadores universitarios españois implicados no proceso. Concretamente, o seu asesoramento centrarase nos dous volumes dedicados ás literaturas en Europa (Literature in Europe before 1500 e Literature in Europe after 1500). Polo de agora xa se celebraron dous encontros de traballo, o primeiro na Universidade de Estocolmo onde se presentou o informe sobre o primeiro volume e documento ‘Is this World Enouhg? Medieval studies in the age of the world literature target’. A segunda xuntanza, celebrada no Netherlands Institute for Advanced Study in the Humanities and Social Sciencies, serviu para traballar no informe relativo ao segundo volume ‘In 1838: (European) world literature on the edge of law’.