A influencia en Quevedo da Italia do Renacemento, a estudo nun seminario internacional

Pese a ser coñecida a influencia que tivo a Italia do Renacemento na configuración intelectual e literaria de Quevedo, a ciencia non dedicou demasiado tempo en estudalo en profundidade. Por esta razón, este xoves e venres a Facultade de Filoloxía reúne nun simposio a persoal investigador de España e Italia para que dende múltiples perspectivas profunden nas correntes ideolóxicas, xéneros literarios, autores italianos e prácticas editoriais que condicionaron a obra quevediana. O encontro inaugurouse nun acto que contou coa presenza do reitor Juan Casares, o decano Ernesto González, e o profesor Alfonso Rey en representación do comité organizador. Os especialistas que participan no simposio internacional ‘Italia na obra de Quevedo’, todos eles expertos en Literatura española do Século de Ouro, intercambiarán pareceres nos ámbitos histórico -en torno á tradicional vinculación de Castela e Nápoles-, biográfico relacionado coa estancia de Quevedo en Italia ao servizo do duque de Osuna e a Corte de Madrid, e especialmente literario, atentos ao pensamento neoaristotélico, o petrarquismo ou o neoplatonismo, que deixaron pegada en textos políticos, amorosos ou burlescos. De forma paralela a esta liña central do encontro, algúns relatorios tratarán asuntos non estritamente relacionados co poso italiano en Quevedo, pero de grande interese para definir mellor os perfís da súa figura no contexto cultural do seu tempo. Promovido polo grupo de investigación Francisco de Quevedo da USC e coordinado polo profesor Alfonso Rey Álvarez e a profesora María José Alonso Veloso, o encontro conta coa colaboración do Servizo de Publicacións, varias universidades italianas e a ‘Fundación Francisco de Quevedo.