Pasar al contenido principal
STG

A USC visibiliza as iniciativas de economía alternativa e solidaria en Galicia

A USC visibiliza as iniciativas de economía alternativa e solidaria en Galicia
A USC visibiliza as iniciativas de economía alternativa e solidaria en Galicia

Logo da entrada en vigor en España da Lei de Economía Social que recoñece o labor das entidades da economía social e solidaria outorgándolles valor de interese xeral á promoción, estímulo e desenvolvemento, o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC organiza en Santiago unhas xornadas sobre economía alternativa e solidaria en colaboración con Panxea. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, inaugurou as xornadas este venres no salón de graos da Facultade de Matemáticas. Participaron tamén na apertura Ernesto Gómez, do SEPIU; Carlos Rey, representante de REAS, Red de Redes; e Gonzalo M. Gesto Quiñoy, de Panxea. Auxe en Galicia Diversos informes recoñécenlle a estas entidades a capacidade para liquidar diferentes desequilibrios do mercado laboral así como a fortaleza para potenciar o desenvolvemento local e fomentar a igualdade de oportunidades. Neste sentido, o florecemento en Galicia nos últimos anos de múltiples experiencias neste sentido (comercio xusto, cooperativismo de consumo e agrario ou banca ética) levou ao SEPIU a organizar un encontro no que se analizará a fondo o fenómeno así como as súas experiencias dende diversas visións tanto no ámbito estatal como no galego. Así, a xornada comezou cunha introdución aos conceptos básicos da economía alternativa e solidaria a cargo dun responsable de REAS, rede de redes, que representa a máis de duascentas entidades implicadas, que presentará ‘REAS Galicia’ e a Carta da Economía Solidaria. Outros asuntos a tratar ao longo dos tres días serán as dimensións da economía solidaria (financiamento, produción, comercialización e consumo), a banca ética, o consumo e a compra pública responsable. As xornadas servirán ademais para mostrar experiencias concretas de moi diversa índole. Así, exporán as súas accións a Asociación por un Interese Solidario O´Peto; Coop´57; Fiare Galiza, banca ética; a Asociación de persoas con discapacidade; a Asociación de produtores agroecolóxicos Lentura; Arqueixal, produtos lácteos e ecoagroturismo; Mar de Lira; Ítaca Software Libre; e Armeria, cooperativa de servizos culturais. Por último, responsables de organizacións con clara vocación solidaria explicarán polo miúdo en que consiste o comercio xusto, as cooperativas de consumo, os bancos de tempo, as redes e os mercadiños de troco ou as moedas complementarias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2011.