O CIQUS bota o peche este venres ás súas xornadas de portas abertas
Este venres 25, en horario de 18.00 a 22.30 horas, será a última ocasión na que as persoas interesadas terán a oportunidade de participar nas xornadas de portas abertas do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), dentro das xornadas ‘Achégate á Química’ promovida por este centro e a Facultade de Química co gallo do Ano Internacional da Química 2011. Logo de tres días ao longo dos que “asistentes de todas as idades se entusiasmaron cos experimentos e demostracións exhibidas”, sinala a directora do CIQUS Dolores Pérez, o ciclo chega ao seu fin co acto de clausura que se celebrará este venres. O reitor Juan Casares presidirá a sesión nun acto que comezará ás 9.30 horas no propio centro e ao que tamén asiste o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez; o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; o decano da Facultade de Química, Ramón Estévez Cabanas; e a directora do CIQUS, Dolores Pérez Meirás. Un grupo de escolares do IES Pontepedriña porá o broche ao programa de visitas que trouxo aos espazos do CIQUS e da Facultade de Química a preto de seiscentos rapaces e rapazas de centros de Santiago e a súa comarca. Pola tarde, as portas do centro aínda permanecerán abertas ao público interesado. Dolores Pérez adiantou que os experimentos e demostracións exhibidas permitiron interesar a un público amplo e heteroxéneo por coñecer máis de preto as particularidades da Química e as súas contribucións ao desenvolvemento global, obxectivo principal do Ano Internacional da Química que se celebra en todo o mundo durante 2011. As actividades coas que se atopan os visitantes están deseñadas para que calquera persoa, teña ou non coñecementos científicos, poida atopalas interesante e incluso sorprendente”. Todas as personas interesadas poderán achegarse ao CIQUS este venres en horario de 18.00 a 22.30 horas.