Xornada de clausura da Aula de Emprendedores da Cátedra Bancaja
A Aula Emprendedores Novos da Cátedra Bancaja-USC clausurará este mércores 27 o seu programa de actividades na Área Empresarial do Tambre cunha visita á empresa Urovesa e unha conferencia-coloquio arredor dos procesos de selección de persoal. A xornada de clausura comezará a partir das 11:00 horas visitando as instalacións de Urovesa de vehículos especiais, onde responsables da empresa acompañarán aos asistentes a través da liña de montaxe, incluíndo a posibilidade de asistir a unha demostración de manexo dalgúns dos vehículos que fabrican. Deseguido, a partir das 12:00 horas, a directora de Recursos Humanos en Serviguide, Ana Peón, ofrecerá unha conferencia sobre as competencias demandadas polas empresas nos procesos de selección de persoal. A intervención abrirase ao seu remate a un coloquio cos asistentes. A clausura e a entrega de diplomas porá o broche á xornada, nun acto que comezará ás 13:00 horas no Centro da Asociación Área Empresarial do Tambre. Intervirán a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Emilia Vázquez; o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel; a director de BIC Galicia, Maite Cancelo; e unha representación de Bancaja.