Pasar al contenido principal
STG

Os alumnos da primeira promoción de Estalmat Galicia rematan a súa vinculación con este proxecto de estímulo do talento matemático

O proxecto Estalmat Galicia, de estímulo do talento matemático entre rapaces de secundaria, despide este sábado 2 de abril á súa primeira promoción nun acto que se vai celebrar a partir das 13:30 horas na Casa Habanera do Concello de Guitiriz. Nesta sesión participarán os alumnos seleccionados en xuño de 2007 para seguir durante estes catro anos un programa de actividades de estimulo do seu talento matemático nas mañás dos sábados a cargo dun equipo docente de 25 profesores. O acto contará coa presenza do vicerreitor do Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e da alcaldesa de Guitiriz Regina Polín, que acompañarán ao presidente do Comité Organizador de ESTALMAT-Galicia, o catedrático da USC Juan M. Viaño e aos responsables do Proxecto en Lugo, os profesores Victor Pollán (IES Poeta Diaz Castro de Guitiriz) e Jesús Calvo Rovira (IES Xoán Montes de Lugo). A clausura realizarase despois da terceira sesión do programa Estalmat Pi para o curso 2010 – 2011 titulada “Do xeral ao particular na resolución de problemas: unha viaxe de ida e volta". A sesión impartirase nas instalacións do Telecentro de Guitiriz a partir das 10:00 horas a cargo do profesor do Departamento de Álxebra da USC Felipe Gago Couso, dirixida aos 50 alumnos das promocións 2007-11 e 2008-12 de ESTALMAT-Galicia. Ponse fin así ás sesións deste curso impartidas por José Maria Barja en Guitiriz e por José A. Docobo en Lalín. O Proxecto Estalmat -Galicia ESTALMAT PI Galicia, que ten a súa sede operativa en Lugo, é a última etapa do Proxecto ESTALMAT-Galicia, integrado á súa vez en ESTALMAT España, cuxo obxectivo xeral é a detección e estímulo do talento matemático en estudantes de 12 e 13 anos. Trátase dun proxecto avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e do CSIC. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, pilotado dende a Facultade de Matemáticas da USC, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico das deputacións da Coruña e Lugo. A partir do vindeiro curso o Proxecto contará tamén cunha importante axuda da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. A actividade principal de ESTALMAT Galicia céntrase na selección anual de 25 estudantes galegos de 12 a 13 anos mediante unha proba, igual en toda España e á que veñen concorrendo 200 rapaces e rapazas, e ofrecerlles actividades matemáticas nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos. Estas actividades impártense na Facultade de Matemáticas en Santiago de Compostela por un equipo de 25 profesores de matemáticas do ensino secundario e universitario.

Pola súa banda, ESTALMAT PI está pensado para ofrecer aos alumnos que rematan o ESTALMAT con 14 ou 15 anos algunhas actividades para non perder o contacto entre eles nin a afección polas Matemáticas. Igual que o ESTALMAT, ESTALMAT PI abrangue 2 cursos (3º e 4º, tomando a súa denominación ‘PI’ da equivalencia con 3,1415...) nos que está previsto que se impartan en cada un deles tres sesións: unha conferencia sobre un tema matemático de interese seguida dun taller con actividades dos estudantes individualmente e/ou en grupo. As actividades do Estalmat PI tiveron lugar nas instalación e cos medios cedidos pola Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Ribadeo e o Concello de Guitiriz.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.04.2011.