As Aulas de Teatro da USC representan este martes os seus últimos espectáculos no Festival Internacional de Teatro Universitario
As Aulas de Teatro da USC de Santiago e Lugo serán as protagonistas este martes, 5 de abril, do XVII Festival Internacional de Teatro Universitario, que comezou este luns e se desenvolverá ao longo de toda a semana. En Santiago, os espectadores teñen unha segunda oportunidade para ver ‘Historia de Pura e Angelita. Pequeno Divertimento mordaz’, función que representan este luns e martes no Salón Teatro, a partir das 21:00 horas. O último espectáculo da Aula de Teatro da USC é unha dramaturxia de Roberto Salgueiro, a partir do texto ‘Los gatos’ de Agustín Gómez. En Lugo, a Aula de Teatro do campus lucense poñerá en escena ‘O círculo do Xiz’, a partir das 20:30 horas, no auditorio Gustavo Freire. A peza, dirixida por Alberte Cabarcos, narra a historia da pugna pola posesión dun neno entre unha nai da burguesía e unha criada do pazo que se atopa na tentación de coidalo despois do abandono por parte da súa nai. O público que desexe asistir a esta función contará con servizo de autobús dende a Facultade de Formación do Profesorado, ás 19:45 horas; e ás 20:00 horas da Residencia Bal Y Gay. A entrada nos dous espectáculos, ao igual que en todas as obras que se van representar no XVII Festival Internacional de Teatro Unversitario, é de balde, pero será requisito previo retirar con antelación os billetes. En Santiago, o despacho do Salón Teatro estará aberto dende dúas horas antes do inicio da función; e en Lugo, o Auditorio Gustavo Freire, 30 minutos antes.