Pasar al contenido principal
STG

Premiada unha investigación que deseña, aplica e avalía un programa de intervención psicolóxica breve para síntomas depresivos e coidadoras informais de dependentes

A investigación ‘Avaliación dunha intervención de solución de problemas para a prevención indicada da depresión dirixida a coidadoras informais’ acaba de ser recoñecido co premio, na modalidade de investigación, da Fundación Lafourcade Ponce. Trátase dunha proposta elaborada dende a Facultade de Psicoloxía da USC, polo grupo que dirixe o profesor Fernando L. Vázquez, na que se deseña, aplica e avalía un programa de intervención psicolóxica breve para manexar os síntoma depresivos na poboación de mulleres coidadoras informais de persoas en situación de dependencia de toda Galicia. Esta é unha situación de grande inciencia xa que, como apuntan os investigadores, máis do 50 por cento da poboación de coidadores galegos presentan síntomas depresivos clinicamente significativos, con importantes consecuencias para o coidador e para a persoa que coidan. O programa de intervención descrito na investigación premiada constou de tan só cinco sesións (unha hora e media de duración por semana), aplicadas por psicólogas en distintas zonas de Galicia, en centro próximos aos domicilios dos coidadores. Tras a intervención, o 85,4 por centro das coidadoras que participaron alcanzaron unha recuperación significativa, reducindo síntomas depresivos, así como o malestar xeral e a sobrecarga experimentadas polas coidadoras. Asinaban o artigo, ademais do profesor Fernando L. Vázquez; Olga Díaz, Patricia Otero, Elisabet Hermida e María López, da Facultade de Psicoloxía; Ángela Torres, da Facultade de Medicina; e Vanessa Blanco, da Facultade de Educación da Universidade da Coruña. A investigación contou co financiamento do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, estando tamén implicada no seu desenvolvemento a Unidade de Dependencia da Xunta de Dependencia da Xunta de Galicia a través dun convenio coa USC.

O obxectivo dos premios da Fundación Lafourcade Ponce é estimular a investigación sobre o benestar psicolóxico e a psicoloxía positiva e a súa aplicación no desenvolvemento humano en calquera área, sanitaria, educativa, social e empresarial, así como fomentar a contribución que esta disciplina fai á sociedade. Os traballos, que debían ser inéditos e empregar metodoloxía científica, foron avaliados por un xurado que integraban cinco membros independentes de distintas universidades españolas que descoñecían a autoría dos traballos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2011.