Pasar al contenido principal
STG

O Consorcio de Santiago entregoulle á USC o novo edificio do Museo de Historia Natural

O Consorcio de Santiago entregoulle á USC o novo edificio do Museo de Historia Natural
O Consorcio de Santiago entregoulle á USC o novo edificio do Museo de Historia Natural
Emprazado na Finca Vista Alegre, prevese que o Museo comece a funcionar o vindeiro curso

A Universidade compostelá dispón xa do novo edificio que o Consorcio de Santiago construíu na Finca Vista Alegre para albergar o Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ e que ata agora se atopaba nos sotos da Facultade de Química. O Consorcio, propietario do inmoble, asumiu o financiamento e construción da obra, que supuxo unha inversión total de 3.909.280 euros. Acompañados do arquitecto autor da obra César Portela, este venres formalizaron a cesión do uso das instalacións á USC o reitor Juan Casares, o xerente do Consorcio, José Manuel Villanueva, e o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo. No acto de sinatura o reitor mostrouse confiado en poder abrir o Museo ao público coincidindo co comezo de curso. Con este novo emprazamento o Museo de Historia Natural da USC convértese nun eficiente transmisor de ciencia cara á sociedade, combinando a súa mostra permanente con exposicións temporais e potenciando a faceta didáctica e o uso das novas tecnoloxías. Así, incluirá un espazo de investigación e outro pedagóxico para a acollida de grupos e de escolares. Por áreas, ofrecerá un panorama global sobre a biodiversidade e a xeodiversidade, con especial atención ao mundo mariño e a Galicia. Tamén incorporará unha biblioteca e un salón de actos. Finca rematada

En outubro de 2009 poñíase a primeira pedra da nova sede do Museo de Historia Natural Luís Iglesias, que comparte espazo con outras instalacións culturais e universitarias como a Casa de Europa, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Centro de Estudos Avanzados e o edificio da Sociedade Xeral de Autores. Co museo, cuxa execución correu a cargo da unión de empresas Acciona-Tuconsa, queda completada a urbanización e os equipamentos da Finca Vista Alegre.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2011.