Pasar al contenido principal
STG

Comezou o III Encontro Nacional de Estudantes de Farmacia (Interfarma’11)

Comezou o III Encontro Nacional de Estudantes de Farmacia (Interfarma’11)
Comezou o III Encontro Nacional de Estudantes de Farmacia (Interfarma’11)

Tomando o relevo de Sevilla e Salamanca, a USC acolle dende este venres 21 e ata o domingo 23 o III Encontro Nacional de Estudantes de Farmacia, Interfarma’11 (http://www.estudiantesdefarmacia.com/). Participan preto de 200 estudantes procedentes de toda España, nun encontro que organiza a Federación Española de Estudantes de Farmacia a través da Asociación de estudantes da USC (AEFUSC). A inauguración oficial do programa celebrouse este venres 21 no Salón de Graos da Facultade de Farmacia, presidida polo reitor Juan Casares, ao que acompañaron a subdirectora xeral de Farmacia da Xunta de Galicia, Carolina González-Criado; o tesoureiro do Consello Xeral de Colexio Oficiais de Farmacéuticos, Luis Amaro; o presidente da Conferencia de Decanos de Facultades de Farmacia de España, Luis Recalde; a decana da Facultade compostelá, Isabel Sández Macho; e a presidenta da Federación Española de Estudantes de Farmacia, Sara Serrano. Como puxo de manifesto a presidenta da Federación, “é máis importante que nunca ter unha idea clara da nosa profesión, das competencias profesionais que a sociedade nos ten asignado, para así poder defendelas e seguir nutrindo de novos profesionais a un colectivo que desempeña un papel fundamental na saúde e benestar social” . O tema central desta nova edición son as competencias e saídas profesionais do farmacéutico, a través do encontro nun punto común do alumnado universitario, dos profesionais farmacéuticos e a industria, co obxecto de ampliar a información sobre as competencias para as que habilita o título en Farmacia, as saídas profesionais, así como outros temas como o novos retos do EEES, a situación actual do farmacéutico como profesional da saúde en España e Europa, a receita electrónica ou as perspectivas actuais da industria do medicamento. O conxunto de temas desenvolverase a través de sete mesas redondas ao final das que se establecerán diversos foros de debate coa participación activa do estudantado e dos profesionais inscritos. Outro punto de interese neste Interfarma’11 sera a I Olimpíada Nacional de Farmacia, unha competición de estudantes universitarios da disciplina sobre coñecementos acumulados onde se avaliará habilidades, destrezas e aptitudes dos participantes. Inauguración oficial Logo da inauguración celebrouse unha sesión de presentación da Federación, da Asociación Europea de Estudantes de Farmacia e da Federación Internacional de Estudantes de Farmacia. O programa matinal completouse cunha mesa redonda sobre ‘Competencias profesionais do farmacéutico. Habilidades da titulación’ e a presentación do Cofares Pharmagame, primeira edición 2011-2012. Xa pola tarde, a sesión reanúdase ás 16.00 horas cunha análise comparativa da situación da receita electrónica nas distintas comunidades autónomas e continua falando sobre o farmacéutico como profesional da saúde. Unha mesa redonda sobre os profesionais da Farmacia na industria e na distribución pecha a sesión. Este encontro desenvólvese co patrocinio do grupo Cofares, Estrella Galicia, farmaFIR e CESIF.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.10.2011.