Pasar al contenido principal
STG

Os textos, a palabra e a voz protagonistas do simposio 2011 do Instituto da Lingua Galega da USC

Os textos, a palabra e a voz protagonistas do simposio 2011 do Instituto da Lingua Galega da USC
Os textos, a palabra e a voz protagonistas do simposio 2011 do Instituto da Lingua Galega da USC
O lema desta nova edición é ‘Textos, palabras e voces: córpora e ferramentas para a investigación lingüística’ e comezou este mércores 26 en Filoloxía

Na súa edición de 2011 o simposio do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) celebrarase tomando como lema ‘Textos, palabras e voces: córpora e ferramentas para a investigación lingüística’ . Textos, palabras e voces forman parte dunha secuencia lóxica á que o ILG dará sentido neste Simposio 2011, programado no ano de conmemoración do 40 aniversario deste centro a modo de “acto de compromiso coa innovación en materia de investigación lingüística”. O simposio mantén a finalidade de propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión dunha determinada materia, impulsar avances na investigación en parcelas da lingüística galega desatendidas ou non abondo desenvoltas e contribuír á renovación en métodos e resultados. Esta nova edición, unha iniciativa que se desenvolve dende 2001 dedicada a temas específicos de interese, volta a súa atención á edición de textos (26 e 27 de outubro), á córpora de léxico dialectal (3 e 4 de novembro) e á córpora oral (10 e 11 de novembro). Así, a inauguración e presentación do simposio celebrouse este mércores 26 no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. O profesor Ramón Lorenzo pronunciou a conferencia inaugural titulada ‘A edición da colección diplomática do mosteiro de Santa María de Montederramo’. Xa pola tarde, a partir das 16.45 horas, o profesor da Universidade de Alcalá Pedro Sánchez-Prieto fala sobre ‘A edición como crítica integral del texto: el caso de la General Estoria ’, ao que lle seguirá Xavier Varela, do ILG, co relatorio ‘LEMA: multiedición de cartularios medievais do noroeste peninsular’. O profesor Henrique Monteagudo abrirá a terceira sesión, o xoves 27 a partir das 16.30 horas, co relatorio ‘Editar Martín Sarmiento 250 anos despois’. O profesor Ernesto González Seoane será quen tome o relevo cunha intervención titulada ‘GONDOMAR. Repositorio dixital dos textos do galego medio’. Para rematar a sesión, o investigador da Universidade de Georgetown falará sobre ‘O sistema de transcriçao electrônica do Hispapnic Seminary of Medieval Studies: 35 anos despois de filología e informática’. Textos, palabras e voces Partindo da idea de que os textos “son retallos de memoria escrita que van deixando os tempos no seu ronsel”, os seis participantes na sección de Edición de textos presentarán propostas froito dunha longa experiencia editora de textos medievais e modernos. A finalidade é ofrecer unha panorámica das tendencias actuais e dar novo alento metodolóxico e técnicos aos investigadores que no futuro máis inmediato lle corresponderá rescatar o patrimonio textual antigo con novas edicións. Polo que respecta á córpora de léxico dialectal, o simposio quere mostrar como o inventario de formas atesourado con métodos tradicionais pode ser sistematizado e ofrecido ao mundo en soportes modernos e con aplicacións innovadoras. Así convidáronse especialistas que traballan nesta liña e con proxectos noutros dominios lingüísticos próximos ao galego. Conscientes de que as “voces son o son que nos trae as vivencias”, o simposio volverá a súa ollada cara a conservación do material sonoro, permitindo a existencia dun patrimonio que “cómpre arrequentar con novas achegas e ao que cómpre tamén tirarlle o máximo partido para que contribúa ao coñecemento do que somos e do que falamos”, apuntan os promotores so Simposio. Así no bloque de Córpora Oral participarán investigadores que en dúas linguas próximas como son o catalán e o portugués están a traballar neste senso.

Para acadar máis información, as persoas interesadas deberán dirixirse á páxina web do ILG (http://ilg.usc.es/ilgas/simposio_2011/).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2011.