Converter Humanidades de Lugo en referente de formación humanística e cultural, principal reto da decana para estes catro anos

Cun emotivo discurso no que lembrou a súa tardía entrada na Universidade obrigada por necesidades familiares e económicas –comezou estudar a carreira aos 28 anos-, a profesora María Isabel González Rey tomou posesión este martes como decana da Facultade de Humanidades nun acto que presidiu en Lugo o reitor da USC, Juan Casares. Exemplo de superación persoal e profesional, a nova decana chegou á Facultade de Humanidades como doutora en 2000, con 39 anos, e logo de cinco como profesora de educación secundaria. Tres anos máis tarde aprobaría a praza de titular para en 2007 converterse en vicedecana do centro e en 2010 aceptar o cargo de vicerreitora adxunta de Estudos de grao e posgrao do Campus de Lugo que deixou hai uns meses para optar á elección na facultade luguesa. Coñecedora das feblezas do centro tales como o número de inscritos nas súas titulacións, María Isabel González quixo pór de manifesto fortalezas como o posgrao en Servizos culturais, “un dos máis exitosos da Universidade galega”, ou a calidade do seu cadro de persoal, “cun longo percorrido docente e con grandes investigadores que acumulan numerosos proxectos científicos”. A internacionalización do centro -con 21 convenios asinados con universidades entre as máis prestixiosas de Europa- e a edición de revistas como Moenia, dedicada a lingüística e literatura e na que colaboraron persoas de recoñecemento internacional como Noam Chomsky, Eugenio Coseriu, André Martinet ou Tullio de Mauro, ou Evohé foron tamén argumentos esgrimidos pola nova decana en aras de pór en valor un centro creado na década dos 90 que “sempre consegue bos resultados nas enquisas de satisfacción dos nosos alumnos, ademais dunha elevada taxa de éxito na consecución de estudos ou na inserción laboral dos seus egresados”. Con todos este datos na man, o reto formulado para estes catro anos é, dixo, “mellorar a nosa imaxe, darnos a coñecer máis e crear vínculos coas industrias culturais”. En definitiva, concluíu, “ constituírmos en referente de formación humanística e cultural máis aló do espazo social en torno ao Campus de Lugo”. Equipo decanal A profesora do Departamento de Filoloxía francesa e italiana substitúe no cargo a Alexandre Veiga, con quen traballaron Jodee Anderson e Miguel González Pereira que continuarán exercendo as súas funcións no decanato. Isabel González González, premio fin de carreira en 1993 e de doutoramento en 1998, foi ademais vicepresidenta da Asociación de Profesores de Francés de Galicia (APFG). Directora de varios proxectos de investigación europeos e estatais, é autora de máis de cincuenta publicacións, referee en varias revistas españolas e internacionais e avaliadora en comisións como a ANEP ou a FGCISC.