O XVI Premio Nóvoa Santos recae na catedrática María José Alonso

A catedrática María José Alonso acaba de engadir ao seu currículo o recoñecemento da Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA), quen lle concedeu a décimo sexta edición do premio ‘Nóvoa Santos’. Este é un recoñecemento que a asociación outorga a persoas vinculadas a Galicia cuxo labor profesional e científico no ámbito da saúde tivera repercusión nacional ou internacional. Mª José Alonso Maria José Alonso (, León, 1958) é profesora da Facultade de Farmacia dende 1988 e responsable dun equipo de investigación pioneiro en España no ámbito da nanotecnoloxía aplicada ao desenvolvemento de nanomedicas. A Universidade de París Sur ou o Instituto Tecnolóxico de Massachussets foron algúns dos seus destinos profesionais, aos que se engade a dirección ou coordinación de preto de medio centenar de proxectos e contratos de investigación, algúns deles financiados por entidades de relevancia internacional como a OTAN, a OMS, a Comisión Europea ou a Bill and Melinda Gates Foundation, así como con empresas de ámbito nacional e internacional. Neste senso, a súa labor investigadora ten propiciado a licenza de 11 patentes. Coa profesora Alonso formáronse 20 doutores, ademais de numerosos investigadores procedentes de todo o mundo. Froito do seu traballo en equipo figuran 185 artigos científicos cun importante impacto (H: 48; máis de 6.500 citas). O alcance deste traballo permitiulle alcanzar o 9º posto no ranking mundial do Times Higher Education 2010 na área de Farmacoloxía e Toxicoloxía. Ademais foi galardoada con varios premios de investigación, entre os que destaca o Premio Jaume I de Novas Tecnoloxías. É tamén académica de número da Real Academia de Farmacia de Galicia e da Real Academia Nacional de Farmacia. De xeito simultáneo asumiu responsabilidades na xestión e política científica como vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. En canto á orientación da súa investigación, a actividade de María José Alonso no ámbito da nanomedicina veu determinada pola procura de novas solucións terapéuticas para enfermidades devastadoras, achegando novas tecnoloxías que permiten dende unha vacinación máis cómoda e eficaz ata melloras significativas en tratamento de enfermidades tales como o cancro ou a diabete.