Pasar al contenido principal
STG

O reitor Juan Casares reduce dúas vicerreitorías no Equipo de Goberno da Universidade

Víctor Millet incorpórase ao Equipo de Goberno da USC como vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización
Víctor Millet incorpórase ao Equipo de Goberno da USC como vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización
A toma de posesión dos vicerreitores celebrarase o xoves 28 en San Xerome

O reitor Juan Casares acaba de realizar unha reorganización do Equipo de Goberno da Universidade que leva consigo a redución de dúas vicerreitorías e a desaparición da Vicerreitoría Adxunta para Estudos de Grao e Posgrao no Campus de Lugo. Así, unificaranse as Vicerreitorías de Estudos de Grao e Posgrao e a de Persoal Docente e Investigador nunha que se denominará de Titulacións e Persoal Docente e Investigador; e unificaranse tamén as de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade e a de Estudantes e Formación Continua , nunha única de Estudantes, Cultura e Formación Continua. Ademais créase a Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización, que asumirá as relacións da USC con outras institucións e organizacións, prestando atención prioritaria aos temas de internacionalización e á mobilidade dos universitarios, tanto estudantes, como profesores ou membros do persoal de Administración e Servizos. O reitor encoméndalle esta nova vicerreitoría a Víctor Millet Schröder, catedrático de Filoloxía Alemá. Esta modificación do Equipo de Goberno da Universidade prodúcese, segundo o reitor, por dous motivos, por unha parte “queremos predicar co exemplo nestes momentos de tanta necesidade dunha política de austeridade e de contención, ou mellor dito, de redución do gasto” e tamén “debido á dimisión de María Isabel González Rey como vicerreitora adxunta para estudos de Grao e Posgrao, que concorrerá como candidata ás eleccións ao decanato da Facultade de Humanidades de Lugo, e á dimisión por motivos persoais do prezado Javier Garbayo Montabes, vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade . Francisco Ramón Durán Villa, ata agora vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, pasa a encargarse da nova Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, que aglutina as funcións que xa tiña encomendadas e as de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade. Pola súa banda, a nova Vicerreitoría de Titulacións e Persoal Docente e Investigador suma as funcións da de Estudos de Grao e Posgrao, da que era titular Eva Castro, e as de Persoal Docente e Investigador, da que era titular Carmen Fernández Morante, que segue no cargo coa nova responsabilidade. A toma de posesión dos vicerreitores farase o vindeiro xoves, día 28, ás 11.00 horas, no Salón de Graos da USC, no Colexio de San Xerome.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.07.2011.