Rematan os Campus Científicos de Verán da USC coa exposición pública das investigacións
Os trinta estudantes de primeiro curso de bacharelato que asistiron en Santiago aos Campus Científicos de Verán 2011 celebran este venres 29 a súa última sesión. A iniciativa desenvólvese paralelamente en vinte centros de toda España adscritos aos Campus de Excelencia Internacional. A partir das 11:00 horas no salón de graos da Facultade de Matemáticas presentarán publicamente os traballos de investigación nos que estiveron colaborando: ‘Sistema de tratamento para eliminar a contaminación das augas residuais’ baixo a dirección de Gumesindo Feijoo Costa, ‘Buscando as partículas más enerxéticas do Universo’ de Inés Valiño Rielo, ‘A maxia dos hidroxeles’ de Juan Torres Labandeira e ‘Musgos: os detectives do aire’ de Jesús Aboal Viñas. Outras actividades Ademais de participar nestes proxectos os estudantes tiveron a ocasión de asistir a charlas impartidas polos docentes Ángel Carracedo (‘Para que sirve coñecer o noso xenoma’), Enrique Macías Virgós (Que as MATES te acompañen), Jorge Mira (Que distancia nos separa do firmamento) e Ángel Docobo, que lles mostrou o firmamento coa axuda do telescopio.