Pasar al contenido principal
STG

Máximas autoridades da análise económica do mercado de traballo danse cita esta semana na USC

O profesor Ronald Oaxaca, referencia internacional no estudo da discriminación no mercado de traballo, inaugura o xoves as IX Xornadas de Economía Laboral

Os maiores expertos españois na análise económica do mercado de traballo e economistas internacionais de recoñecido prestixio reúnense esta semana en Santiago, entre o 7 e o 8 de xullo, nas IX Xornadas de Economía Laboral para debater cuestións clave do mercado de traballo. O profesor da Universidade de Arizona Ronald Oaxaca, unha das máximas autoridades na análise da existencia de discriminación no mercado de traballo, especialmente no tocante a discriminación salarial, será o encargado de pronunciar este xoves a conferencia inaugural. Precisamente o profesor estadounidense imparte na tarde deste mércores un curso titulado ‘The econometrics of wage decomposition’´. Será na Escola Universitaria de Relacións Laborais ás 16:00 horas. As Xornadas de Economía Laboral desenvólvense cada dous anos pretendendo ser un foro de discusión e debate entre expertos na análise económica do funcionamento do mercado de traballo. Nesta novena edición participarán recoñecidos economistas españois especializados en diversas temáticas, que van desde os procesos migratorios, os efectos sobre o mercado laboral do envellecemento da poboación, a reforma dos procesos de negociación colectiva ou la existencia de discriminación de diversos colectivos, como mulleres ou xente nova. Ademais os organizadores buscaron este ano profundar na internacionalización das xornadas, de aí a ampla presenza de membros da Asociación Italiana de Economía Laboral (AIEL), entre os que destacan o seu presidente, Sergio Destefanis, da Universidade de Salerno, ou de Adriaan Kalwij, da Utrecht School of Economics e CentER da Tilburg University (Holanda), un dos maiores expertos do mundo na análise dos efectos do envellecemento da poboación sobre o mercado de traballo. O encontro, a celebrar na Escola Universitaria de Relacións Laborais, está organizado pola Asociación Española de Economía do Traballo (AEET), o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) e o Grupo de Análises e Modelización Económica (GAME) da Universidade de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.07.2011.