Pasar al contenido principal
STG

A USC, escaparate de experiencias de éxito no ámbito da transferencia de coñecemento matemático á industria

Este martes a Real Sociedade Matemática Española recoñece as teses de catro doutores, dous deles da USC

Promovidas pola Real Sociedade Matemática Española (RSME) no ano en que se conmemora o seu centenario, esta semana desenvólvense en Santiago unhas xornadas sobre transferencia e matemática industrial nas que se mostrarán numerosos casos de éxito, produto de colaboracións frutíferas entre o mundo académico-científico e o empresarial. A inauguración terá lugar este martes 12 ás 9.30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. No encontro participarán especialistas europeos que presentarán aplicacións en campos tan diversos como análises de riscos en finanzas, simulación numérica de electrodos metalúrxicos compostos, mellora e monitorización de procesos químicos, simulación numérica de máquinas eléctricas ou planificación de industrias culturais. Tras todas estas experiencias atópanse os departamentos de I+D de empresas como Analistas Financieros Internacionales (AFI), FerroAtlántica I+D, GMV Aerospace and Defence, S.A, Lignitos de Meirama, Open Grid Europe GmbH, ORONA, Qlucore ou UBE CORPORATION EUROPE, S.A. Entre os participantes destacan a presidenta da Société de Mathématiques Appliquées et Industrielles (SMAI), Mª Jesús Esteban; o presidente do comité de educación do European Consortium for Mathematics and Industry (ECMI), Matti Heilio; e o vicepresidente do Konrad - Zuse - Zentrum für Informationstechnik, Martin Grötschel. As xornadas, a desenvolver do 12 ao 14 de xullo na Facultade de Matemáticas baixo a coordinación dos docentes da USC Peregrina Quintela e Alfredo Bermúdez, contan ademais coa participación da directora xeral de Transferencia de Tecnoloxía e Desenvolvemento Empresarial do Ministerio de Ciencia e Innovación, do director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia e do director xeneral do Centro para o Desenvolvemento tecnolóxico e Industrial. A RSME premia dúas teses da USC Aproveitando este evento científico, o martes 12 o presidente da RSME entregará os premios do concurso estatal de teses doutorais realizadas no ámbito da matemática industrial. As catro teses recoñecidas nesta ocasión céntranse no deseño de algoritmos que permiten propor modificacións en tempo real da ruta dun avión en vo para evitar a súa proximidade a outras aeronaves, na simulación numérica dun modelo xeoquímico que permite predicir a calidade da auga de lagos formados en minas a ceo aberto, no desenvolvemento de software de apoio para o deseño de fornos de indución sen núcleo fabricados para o fundido de metais e mellorar o seu rendemento unha vez instalados e no deseño de sistemas intelixentes para a predición e control do acabado superficial en procesos de fresado a alta velocidade. Dos catro premiados, dous realizaron os seus traballos de doutoramento na USC -Luz María García García e Rafael Vázquez Hernández-; Maritza Correa Valencia fíxoo na Politécnica de Madrid e Francisco Javier Martín Campo na Rey Juan Carlos. As teses son produto do interese de empresas como FerroAtlántica I+D, GMV Aerospace and Defence S.A e Lignitos de Meirama. O acto de entrega terá lugar ás 15.30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, e a continuación os premiados presentarán as conclusións dos seus traballos nas xornadas RSME de Matemática Industrial.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.07.2011.