Pasar al contenido principal
STG

Cinco anos de intenso traballo da rede de investigación Círculo de Lingüística Inglesa

De esquerda a dereita, Ignacio Palacios, Teresa Fanego, Carlos Acuña (membro do grupo PCC) e Isabel Fraga
De esquerda a dereita, Ignacio Palacios, Teresa Fanego, Carlos Acuña (membro do grupo PCC) e Isabel Fraga
Coordinada pola profesora da USC Teresa Fanego, a rede intégrana tres grupos da USC e dous da Universidade de Vigo

A rede de investigación Círculo de Lingüística Inglesa (ELC) que coordina a profesora da USC Teresa Fanego intensificará as súas actividades docentes e investigadoras no vindeiro ano. Entre outras accións, esta rede composta por cinco grupos de investigación das Universidades de Santiago e Vigo colaborou en estudos sobre os procesos de verificación do nivel de inglés das universidades españolas (por encargo do British Council) ou no deseño e construción dun corpus de aprendices de español (por encargo do Instituto Cervantes). Constituída en decembro de 2006, os membros da rede reuníronse recentemente para facer balance dos seus cinco anos de traballo que a levaron a ocupar unha posición destacada dentro das unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario Galego. Tanto é así que acadou financiamento ininterrompido da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica en todas as convocatorias ás que concorreu, sendo na de 2008 a única rede de Galicia que o obtivo. O ELC O Círculo de Lingüística Inglesa compóñeno os grupos da USC ‘ Variación, cambio lingüístico e gramaticalización’ que dirixe a propia profesora Fanego; ‘ Investigación sobre inglés falado’, coordinado por Ignacio Palacios; e ‘ Procesos cognitivos e conduta’ encabezado por Isabel Fraga. De Vigo forman parte os equipos ‘ Variación lingüística e categorización textual’ e ‘Deseño de modelos e materiais didácticos para o ensino/aprendizaxe de linguas estranxeiras’, dirixidos por Javier Pérez Guerra e Rosa Alonso, respectivamente. A rede, que en conxunto suma 80 membros, aglutina a maioría dos especialistas en lingüística inglesa das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, e inclúe así mesmo a un amplo grupo de investigadores da área de Psicoloxía Experimental que traballan en ámbitos aplicados como o bilingüismo, o autismo ou o manexo de emocións. Todos os compoñentes da rede comparten un dominio de traballo cuxo denominador común é a cognición humana e a súa interrelación con ámbitos tan diversos como os xa citados ou como a adquisición de primeiras e segundas linguas, a variación morfosintáctica e o cambio lingüístico, a prevención de trastornos da fala, a psicolingüística, a análise do discurso e a lingüística contrastiva e de corpus. Intenso traballo en cinco anos Desde a súa constitución, as actividades da rede nestes e outros campos plasmáronse na organización de varios simposios nacionais e internacionais; nun importante labor de formación de doutores (15 teses doutorais defendidas nos últimos cinco anos); na obtención de numerosos proxectos nacionais, autonómicos e europeos; nunha forte presenza da rede en consorcios e redes internacionais, entre outros o ARCHER de lingüística de corpus, o LingNet Europe ('Network of Centres for Linguistics and Research Groups in Europe') e a rede CLARIN ('Common Language Resources and Technology Infrastructure'). Para o presente curso, ademais de seguir coas devanditas actividades, o Círculo de Lingüística Inglesa proponse incrementar as accións de difusión da súa actividade investigadora e formativa entre os alumnos de grao e posgrao do SUG. A tal fin, continuará cos seminarios de investigación que a rede organiza periodicamente -o próximo está previsto para o 21 de decembro na Facultade de Filoloxía da USC- e celebrará ademais proximamente a terceira edición do Congreso Internacional de Posgrao sobre Lingua e Cognición (ELC3) que organizan os propios estudantes integrados na rede. Nesta ocasión, o comité organizador está composto polas bolseiras predoutorais Paula Rodríguez Puente, Evelyn Gandón, Sara Riveiro, Mª Luisa Roca, Paula Rodríguez Abruñeiras e Vera Vázquez López.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.12.2011.