Pasar al contenido principal
STG

O arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza intervén o luns no ciclo de conferencias sobre os achados arqueolóxicos en Lugo

O arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza pronunciará o luns 19 a terceira conferencia do ciclo ¿Coñece vostede Lucus Augusti? que organizan a Facultade de Humanidades e a Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo para dar a coñecer os achados arqueolóxicos do último decenio na cidade. Nesta ocasión a charla, que leva por título ‘A muralla non é (só) un monumento’, terá lugar ás 19.00 horas na Facultade de Humanidades. Ata o momento as conferencias do ciclo contaron coa asistencia de numeroso público interesado, hai uns días en coñecer o Mitreo da man do arqueólogo Celso Rodríguez Cao e este xoves na conferencia do tamén arqueólogo Bartolomé Abraira, que impartiu a conferencia ‘Ocio e negocio: vida cotiá en Lucus Augusti’ na que puxo de manifesto como en moitos casos as escavacións de urxencia realizadas sobre áreas pequenas e limitadas poden mostrar interesantes aspectos das infraestruturas da cidade romana. Así, as termas, os sistemas de calefacción privados ou os desaugadoiros e canalizacións das augas poden –dixo Abraira- ser coñecidos grazas a eles, “ revelando unha cidade cunhas comodidades das que aínda hoxe carecen moitos dos nosos pobos”. Tratouse igualmente na charla un aspecto económico e especialmente interesante para a investigación como é o descubrimento dun importante sector dedicado á cerámica que, dado o volume da produción, non podía dedicarse só ao consumo local, senón que sería distribuído mediante un activo comercio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.12.2011.