Pasar al contenido principal
STG

O Consello de Goberno aproba a creación da Escola de Doutoramento

O Consello de Goberno da USC aprobou a creación dunha Escola de Doutoramento, dependente da Comisión de Doutoramento do Centro de Posgrao, Terceiro e Formación Continua, que se encargará no seu ámbito da organización dos estudos de doutoramento, propoñendo cursos, organizando a oferta e analizando os resultados dos cursos impartidos.
Esta Escola prestará especial atención aos ámbitos da investigación biolóxica aplicable á saúde; mecanismos moleculares, celulares e xenéticos da saúde e a enfermidade; innovación terapéutica, deseño de fármacos e desenvolvemento de medicamentos; e investigación clínica e traslacional.
Integrarán a escola un total de trece programas de doutoramento, entre os que se atopan o de Endocrinoloxía; Investigación e desenvolvemento de medicamentos; Medicina Molecular; Neurociencia; Atención Integral da Saúde; Biotecnoloxía; Avances en Bioloxía microbiana e parasitaria; Xerontoloxía; Investigación básica e aplicada en Ciencias Veterinarias; Condicionantes xenéticos, nutricionais e ambientais do crecemento e o desenvolvemento; Especialidade médico-cirúrxicas; Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, Ciencias Forenses e Patoloxía.
O Consello de Goberno poderá aprobar a incorporación á Escola doutros programas que o soliciten, así como a participación doutras universidades, institutos de investigación, institucións e entidades públicas ou privadas.
Informe económicoNa mesma xuntanza, o vicerreitor de Economía, Financiamento e Infraestruturas presentou un informe económico no que deu conta da situación das intervencións que actualmente se están a acometer en materia de obras, proxectos e equipamentos de infraestruturas.
Neste senso, o informe referiuse ao estado de execución das partidas orzamentarias destinadas á execución e desenvolvemento de obras, tanto en Santiago como en Lugo, e que supón unha previsión para 2010 de algo máis de 35,5 millóns de euros. Do mesmo xeito, as previsión para a redacción e desenvolvemento de proxectos no presente ano ascenden a preto de 2 millóns de euros.
Finalmente, o informe referiuse tamén as partidas destinadas para a dotación de diversos equipamentos en centros como o CIQUS, o CIMUS, o edificio Emprendia, o edificio docente Roberto Novoa Santos, a estación do Caurel ou o IBADER en Lugo, entre outros. As estimación para 2010 por este concepto ascenden aos 14,5 millóns de euros.
Límites de prazasOutro dos puntos da orde do día que obtivo a aprobación do Consello de Goberno foi o relativo ao límite de prazas para o vindeiro curso académico. Os graos que xa comezaron no actual curso académico manterán en 2010-2011 os mesmos límites que no presente.
A estes súmanse agora os dos graos que iniciarán a súa docencia o vindeiro ano, como son Mestre en Educación Infantil (140), en Educación Primaria (140), Administración e Dirección de Empresas (250), grao en Dereito (240), Farmacia (200), Medicina (350), Odontoloxía (40), Enxeñaría Química (60), Óptica e Optometría (60) e Traballo Social (90), no Campus de Santiago. En Lugo, comezarán os graos en Comercialización e Loxística (sen límite), en Enxeñaría Industrial e de Procesos (40), en Nutrición Humana e Dietética (40), en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (25), en Lingua e Literatura Españolas (sen límite), en Veterinaria (110), Mestre en Educación Infantil (100), en Educación Primaria (100), en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural (80), en Enxeñaría Civil (50), en Enxeñaría Forestal e do Medio Rural (80), en Enxeñarías das Industrias Agroalimentarias (80) e en Enxeñaría en Xeomática e Topografía (50).
Outros asuntos
Na orde do día tamén se abordou un informe relativo ao grao de cumprimento do PETIC II, a creación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago ou os sistemas de Garantía Interna de Calidade dos Centros.
O órgano colexiado tratou ademais cambios de dedicación, modificación da RPT do PAS, tribunais de prazas de PDI e modificacións de titulacións adaptadas ao Real Decreto 1393/2007.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.04.2010.