Pasar al contenido principal
STG

Profesionais da enfermaría analizarán en Lugo os coidados aos pacientes en situación crítica

De esquerda a dereita: María Asunción Núñez, Carlos Herrero e Miguel Fernández
De esquerda a dereita: María Asunción Núñez, Carlos Herrero e Miguel Fernández
A conselleira de Sanidade inaugurará estas xornadas, que se desenvolverán os días 22 e 23 de abril na Facultade de Veterinaria

Promover o debate e a presentación de experiencias, coñecementos e tecnoloxías para mellorar a calidade do coidado ofrecido aos pacientes en situación crítica e conseguir que, tanto eles como as súas familias, queden satisfeitos coa atención prestada é o obxectivo da décimo quinta edición das xornadas organizadas pola Escola Universitaria de Enfermaría e o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, que se desenvolverán este xoves 22 e venres 23 de abril no Auditorio da Facultade de Veterinaria do campus lugués baixo o título ‘Continuidade e intensidade dos coidados’.
O encontro, no que xa se inscribiron preto de catrocentas persoas, principalmente profesores e alumnos da Escola de Enfermaría así como enfermeiros asistenciais, inclúe mesas redondas e conferencias a cargo dunha vintena de profesionais da enfermaría que desenvolven o seu traballo en diferentes hospitais e institucións de España e Portugal.
O programa das xornadas presentárono este martes o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o presidente do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, Miguel Fernández; e a directora da Escola Universitaria de Enfermaría, María Asunción Núñez.
O programaAs xornadas ‘Continuidade e intensidade dos coidados’ comezarán este xoves 22 cunha serie de comunicacións e dúas mesas redondas. Na primeira delas, enfermeiros de distintas unidades do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago falarán sobre ‘Os coidados con tecnoloxía de alta complexidade’. Na segunda mesa abordarase ‘A atención de calidade nas unidades de críticos’ coa participación da secretaria do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello; o xefe de servizo da Oficina de Planificación Sanitaria e Calidade do Ministerio de Sanidade, Jesús María Casal; e a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial do Sergas, Mercedes Carreras.
Ese mesmo día, ás 18:30 horas, a conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia, Pilar Farjas, inaugurará oficialmente as xornadas, nun acto ao que tamén asistirá o vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Carlos Herrero, xunto a outros representantes da USC e do Colexio Profesional de Enfermaría de Lugo.
Tralo acto inaugural, dous representantes de Médicos sen Fronteiras impartirán cadansúa conferencia para explicar o papel dos servizos de emerxencia nas crises humanitarias e relatar a súa experiencia persoal vivida en Haití tralos terremotos que sacudiron o país.
O venres 23, as xornadas inclúen unha mesa redonda sobre ‘A xestión de coidados. Implicacións ético-legais’, na que participarán o director da Escola de Fisioterapia e Podoloxía da Universidade Europea de Madrid, Jesús Marino; o avogado e profesor da Escola de Enfermaría de Lugo, Carlos Díaz; e o supervisor da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital portugués San Joao de Porto, Manuel Silva.
Na cuarta e última mesa redonda das xornadas intervirán a farmacéutica e profesora de Enfermaría en Lugo, Pilar Díaz; a Conselleira de Sanidade do Consell Insular de Mallorca, Cristina Moreno; a supervisora da Unidade de Reanimación do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, Rosa Gómez; o enfermeiro da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Costa del Sol de Málaga, José Manuel Velasco; e o enfermeiro do Complexo Hospitalario de Ourense e director da revista Ética dos coidados, Ángel Alfredo Martínez; que abordarán ‘A atención á familia na unidade de críticos’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.04.2010.