Pasar al contenido principal
STG

Seis compañías universitarias danse cita no 8º Encontro de Danza Contemporánea da USC

Compañías de Porto Rico, Madrid, A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo participarán este ano na oitava edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, que ten como finalidade favorecer o intercambio cultural a través das distintas propostas coreográficas das Universidades, así como da propia convivencia das persoas participantes.
Entre os días 26 e 29 de abril (os dous primeiros en Santiago e os seguintes en Lugo) seis compañías universitarias porán en escena as súas coreografías, en espazos tan especiais como a Igrexa da Universidade e a Sala de Mosaicos do Museo Provincial de Lugo. Haberá tamén actuacións no Campus Vida de Compostela e no marco da celebración do Día Internacional da Danza na rúa luguesa do Bispo Aguirre.
Neste encontro internacional participarán a Compañía Hincapié da Universidade de Porto Rico, a Aula de Danza da Universidade da Coruña, o Taller de Danza da Europea de Madrid e as tres da USC -a Compañía do Espazo de Danza Universitario, Cisma e Tinta’n-Pé, estas dúas últimas con carácter independente pero xurdidas no seo da USC grazas ás bolsas de axudas á distribución de traballos de danza da Vicerreitoría-. Tamén intervirán en Lugo o Conservatorio Profesional de Danza da cidade e o Taller de Malabares de Celso Pereira.
ProgramaO Encontro dará comezo o luns 26 coa actuación, ás 21:00 horas na Igrexa Universitaria, das Universidades de Porto Rico, A Coruña, Santiago e Cisma-USC. Xa o martes 27 ás 13:30 horas todas as compañías porán en escena extractos das súas coreografías no xardín da Facultade de Farmacia, no Campus Vida. Pola noite, ás 21:00 horas de novo na Igrexa, actuarán os grupos de Porto Rico, Europea de Madrid, Santiago e Tinta’n-pé.
Os días 28 e 29 o Encontro trasládase a Lugo para, ás 20:30 horas, amosar as súas producións na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial. Ademais, o día 29 ás 13:30 horas, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, terá lugar unha ‘invasión de danza’ a cargo destes grupos na rúa Bispo Aguirre.
TalleresMais o certame non só consiste en actuacións para o público senón que as compañías terán a posibilidade de participar nunha serie de actividades complementarias como son tres talleres de danza contemporánea, ioga e malabares.
O ex bailarín da Compañía Nacional de Danza Eduardo Castro e a profesora do Conservatorio de Burgos Marta Botana dirixirán o de danza contemporánea, no que os universitarios poderán explorar pautas de creación que serán as portas cara ao seu propio movemento. O taller de ioga, no que todos os interesados poderán practicar esta disciplina, estará a cargo de Rosa Acuña, e Celso Pereira será o encargado de achegar os malabares a través de xogos de destreza e habilidade con mazas ou bolas de cristal.
Intercambio culturalO programa do encontro foi presentado este mércores pola vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e polo director do Espazo de Danza da USC e responsable do evento, Juan Carlos Zahera, quen subliñou que non existe mellor medio que a danza para o achegamento e a difusión das diferentes culturas. “Achegar a danza ao público e contar nos distintos espazos da Universidade compostelá as nosas inquedanzas, compartir, coñecer as experiencias e traballos en torno á danza contemporánea convértense nun obxectivo principal do encontro”, asegurou.
Zahera lembrou tamén a importancia do Espazo de Danza da USC como canteira de novos bailaríns e bailarinas, xa que son moitos os profesionais que se formaron na universidade compostelá con actividades de danza.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.04.2010.